A Xunta traslada ao Goberno central a necesidade de traballar conxuntamente na defensa dos intereses da frota galega ante os novos regulamentos europeos

31 de Xullo de 2018

Galicia representa durante este semestre ás comunidades autónomas españolas en materia pesqueira ante a UE e trasladará ao Ministerio as súas propostas sobre os regulamentos de medidas técnicas, o de control e o do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para defendelas en Bruxelas

  • Rosa Quintana tamén asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Pesca, onde solicitou a Luis Planas a posibilidade de contemplar unha parada temporal para o mes de outubro para os barcos de cerco e xeito que participan no plan de recuperación da sardiña

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe que a Xunta trasladará ao Goberno central os documentos e ditámenes coas propostas de Galicia en relación aos novos regulamentos do eido do mar nos que está a traballar a Unión Europea, que son o de medidas técnicas, o de control e o do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. O obxectivo, sinalou, é traballar co Goberno central, durante este semestre no que Galicia representa ás comunidades autónomas españolas en materia pesqueira ante a UE, para “mellorar determinados aspectos nestes regulamentos”.

Así o acordou a titular de Mar co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación na xuntanza que hoxe mantivo con el en Madrid e na que a conselleira fixo fincapé na necesidade de traballar conxuntamente na defensa dos intereses da frota española e, en particular da galega. Durante a reunión, explicou a conselleira, “o ministro mostrou moita receptividade aos temas que se lle expuxeron desde Galicia e agradeceu o traballo que estamos facendo a través do Consello Galego de Pesca”.

Neste sentido, a conselleira sinalou que o ministro comparte a premisa que defende a Xunta de “traballar xuntos o sector, a administración e os científicos para ser capaces de convencer á UE das posibilidades de pesca que temos e para acreditar que en Galicia e en España se practica unha pesca sustentable e que esta actividade ten un forte impacto social e económico”. Nesta liña, explicou a titular de Mar, na reunión co ministro debateron sobre as propostas de Galicia ante estas normativas “que van supor un forte impacto para o sector pesqueiro”.

Unha delas é o regulamento de medidas técnicas, que abarca a definición de todos os aparellos de pesca, mallas, regulación de profundidades e tamaños mínimos das especies, entre outras cuestións e que actualmente está na fase dos trílogos para a codecisión. En relación a esta normativa, Rosa Quintana puxo de relevo a necesidade de verificar que as cuestións técnicas non supoñan un menoscabo para a frota galega. Neste sentido, explicou que Galicia rexeita a proposta de harmonización da Comisión Europea, xa que o regulamento afecta a pesquerías con realidades diferentes.

En canto á normativa europea de control, que marca o control de trazabilidade dos produtos do mar e que está en fase inicial de discusión, a conselleira expuxo ao ministro a necesidade de corrixir aspectos inadecuados ás circunstancias da pesca galega, como o preaviso de descarga ou a normativa de transporte por estrada.

Outro dos temas abordados foi a determinación do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca despois de 2020, de relevancia para Galicia, xa que é a rexión europea co maior volume de fondos deste instrumento. A titular de Mar explicou ao ministro que Galicia defende un futuro fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao actual Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que mellore a aposta pola economía mariña e polo emprego e que estea centrado na importancia da actividade pesqueira e en conservar o seu carácter tradicional. Tamén un fondo que leve aparellada a simplificación administrativa, entre outros aspectos.

Estas propostas están recollidas no ditame sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca despois de 2020, liderado por Galicia co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR). Este ditame recolle as propostas das rexións e cidades europeas e foi aprobado por unanimidade dos 350 membros do CdR en maio.

A situación da frota de recursos específicos –percebe, navalla, algas, ourizo e poliquetos- foi outro dos asuntos tratados. Neste sentido, Rosa Quintana trasladou a Luis Planas a necesidade de dar continuidade á negociación que estaba en marcha co anterior Goberno central para crear un novo censo para este tipo de frotas co obxectivo de que poidan desenvolver a súa actividade con maior seguridade.

Conferencia Sectorial de Pesca
Ademais Rosa Quintana asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Pesca, na que, entre outros temas, se tratou o calendario de paradas temporais. Na xuntanza a conselleira solicitou ao ministro a posibilidade de contemplar unha parada temporal para o mes de outubro para os barcos de cerco e xeito que participan no plan de recuperación da sardiña. Segundo explicou a conselleira, esta proposta foi ben acollida polo ministro, que quedou de estudala e podería adoptarse con carácter retroactivo para o 2018 e financiala no 2019.

A conselleira do Mar tamén propuxo a Luis Planas a necesidade de desenvolver medidas para promover o consumo de peixe e informar ben aos consumidores sobre o anisakis. Unha proposta sobre a que acordaron traballar o Goberno central e as comunidades autónomas co obxectivo de difundir información correcta ao consumidor sobre os beneficios que ten o consumo de peixe para a saúde. Neste sentido, a titular de Mar lembrou que o consumo de peixe fresco ben cociñado non ocasiona ningún problema aos consumidores.

Bandera Unión Europea