A Xunta investiu 3,3 millóns de euros o ano pasado para fomentar a actividade marítimo pesqueira sustentable

26 de Marzo de 2018
Isabel Concheiro explicou que se subvencionou a mellora da eficiencia enerxética dos buques
FEMP
  • Recordou que desde o 2009 ata o 2016 se concederon 682 achegas por importe de 196 millóns de euros para esta materia
  • Nesta conferencia tamén participou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para explicar a implantación do gas natural licuado como combustible marítimo

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, clausurou este mediodía a II Conferencia do proxecto Core LNGas hive, no marco da Feira da Enerxía de Galicia. Alí trasladou que a Xunta investiu o ano pasado 3,3 millóns de euros no fomento da actividade marítimo pesqueira sustentable.

Neste sentido, a secretaria xeral explicou que a Consellería do Mar apoiou a actividade sustentable a través de achegas mellorar a eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático. Así, Isabel Concheiro recordou que desde 2009 ata 2016, a Xunta subvencionou 682 proxectos deste tipo por importe de máis de 196 millóns de euros.

Ao tempo, a secretaria xeral reiterou a aposta da Xunta por conciliar o crecemento económico, a cohesión social e a protección medioambiental. Por iso, trasladou que existe un compromiso coa conservación e a protección do medio ambiente e do medio mariño. Neste sentido, explicou que existe a necesidade de facer fronte aO cambio climático e ás emisións de carbono “de aí a aposta da Xunta pola innovación, a eficiencia enerxética e o uso de enerxías limpas nos buques”.

Ademais, tamén recordou a estratexia europea Blue Growth, impulsada pola Consellería do Mar da man do Porto de Vigo. Unha iniciativa, lembrou a secretaria xeral, na que destacan a competitividade, o desenvolvemento socioeconómico e a innovación tecnolóxica e medioambiental, que engloba, entre outros o emprego da enerxía de gas natural licuado.

Dentro deste último aspecto, Isabel Concheiro destacou o proxecto Green Port Energy Center, que ten como obxectivo reducir as emisións dos buques no porto e dotar de maior flexibilidade operativa e eficiencia económica á frota, a través do subministro directo de enerxía eléctrica e térmica, baseada no gas natural licuado como alternativa. Tamén fixo fincapé no proxecto Cold Ironing, un sistema que permite o apagado dos motores auxiliares dos buques durante a súa estadía no porto e a posible ubicación dunha estación intermedia en terra para permitir a carga de combustible.

Pola súa banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, participou como relatora na conferencia para explicar a implantación do gas natural licuado como combustible marítimo. A este respecto, explicou que a instalación dun motor deste tipo de gas podería ser subvencionado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, xa que se entraría na liña da eficiencia enerxética ao reducir emisións contaminantes.