A Xunta eloxia a implicación das organizacións de produtores pesqueiros na mellora da venda dos produtos do mar de Galicia

04 de Outubro de 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, eloxiou hoxe a aposta e a implicación das organizacións de produtores pesqueiros de Galicia

A Xunta eloxia a implicación das organizacións de produtores pesqueiros na mellora da venda dos produtos do mar de Galicia

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, eloxiou hoxe a aposta e a implicación das organizacións de produtores pesqueiros de Galicia para mellorar a venda dos produtos do mar mediante os plans de produción e comercialización financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e pola Consellería do Mar. A representante da Xunta destacou a importancia de que o sector tome a iniciativa neste eido durante a súa participación no acto de sinatura dun convenio entre a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7) e a empresa pública Paradores Nacionales para que distintos establecementos desta cadea de restauración celebren unha Semana da Pescada de Burela para promocionar o produto.

“A pescada do pincho de Burela é un produto de excelente calidade e cunhas propiedades gastronómicas excepcionais mentres que Paradores é un exemplo de como se debe tratar o produto para obter o mellor resultado para o padal, polo que este acordo é beneficioso para os dous e para darlle á pescada ese posto principal nas mellores cartas de España” resumiu a representante da Consellería do Mar. Esta acción, lembrou Mercedes Rodríguez, enmárcase no obxectivo de afondar na mellora da comercialización dos produtos pesqueiros para que as capturas poidan obter prezos máis altos e os pescadores melloren os seus ingresos. “Para logralo hai que implicar a todos os elos da cadea e o mellor xeito de facelo é investindo en promoción e apostando pola calidade”, concluíu a directora xeral de Pesca.

Bandera Unión Europea