A Xunta e a industria de produtos do mar conxelados investirán 400.000 euros en distintas accións de promoción para impulsar a competitividade do sector

15 de Marzo de 2023

A Consellería do Mar e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) unen esforzos na promoción e mellora da comercialización dos produtos do mar conxelados

  • O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e Conxemar para a mellora da comercialización destes elaborados da pesca, marisqueo e acuicultura ao longo deste ano
  • O Goberno galego destina a este acordo máis de 200.000 euros, aos que se suman outros 200.000 euros aportados polo sector e estará vixente desde a súa sinatura ata o 30 de novembro de 2023
  • Este acordo inclúe diferentes iniciativas como a promoción do XI Congreso Internacional Conxemar-FAO 2023 e da XXIV Feira de produtos conxelados CONXEMAR 2023, ambos eventos consolidados e escaparates excepcionais desta industria

A Consellería do Mar e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) unen esforzos na promoción e mellora da comercialización dos produtos do mar conxelados. Fano unha vez que o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes para a realización de distintas accións en 2023 encamiñadas ao impulso deste tipo de produtos derivados da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Esta colaboración estará vixente desde a sinatura do convenio ata o 30 de novembro de 2023 e conta cunha aportación por parte da Xunta de Galicia de 200.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), aos que se suman outros 200.000 euros aportados por Conxemar.

Con ese orzamento desenvolveranse distintas iniciativas de promoción e difusión co fin de favorecer o crecemento do sector e que Galicia manteña o liderado no territorio nacional. A comunidade aporta máis do 50 % da facturación do sector de produtos do mar conxelados a nivel nacional e aglutina tamén a máis da metade das empresas do sector.

Unha das accións contempladas ao abeiro deste convenio é a promoción do XI Congreso Internacional Conxemar-FAO 2023, que aspira a poñer en valor a transformación azul na cadea de valor dos produtos do mar e reforzar o seu papel como foro referente nas temáticas relacionadas coa alimentación e o peixe conxelado.

Outra das iniciativas que inclúe esta colaboración é a organización e promoción nacional e internacional da XXIV Feira de produtos conxelados Conxemar 2023, que se celebrará no mes de outubro en Vigo e que supón, xunto co congreso, un escaparate excepcional para incentivar o crecemento do sector. Ademais, porase en marcha dun plan de comunicación para incentivar o consumo deste tipo de produtos que teña visibilidade en diferentes plataformas como as redes sociais.

Bandera Unión Europea