A Xunta destina case 535.000 euros a investimentos produtivos en acuicultura nos concellos pontevedreses da ría de Arousa

06 de Setembro de 2017

O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, destacou que o principal destino será o sector bateeiro, en especial na provincia de Pontevedra, primeira produtora galega. A nivel nivel provincial as axudas roldarán o millón de euros

A Xunta de Galicia acaba de facer públicas a concesión das axudas para investimentos produtivos en acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que suporán unha aportación de case 535.000 euros euros para 20 proxectos nos concellos pontevedreses da ría de Arousa.

Estas axudas teñen como principal obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentables e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020.

O principal destino dos fondos das axudas de acuicultura é o sector bateeiro, de feito, este sector é o que recibe, na provincia de Pontevedra, o 98% do montante económico e o 94% do total de axudas da provincia. “Non podemos esquecer que a nosa provincia ten unha grande importancia no sector do mexillón, xa que produce o 66% do total de Galicia e hai unha menor presenza de produción piscícola”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

En total, beneficiaranse 20 proxectos: catro da Illa de Arousa, catro de Cambados, seis do Grove, catro de Vilagarcía de Arousa e outros dous de Vilanova de Arousa. “Estas axudas permitirán que se poñan en marcha iniciativa nas que se investirán de xeito global 1,1 millóns de euros, dos que a metade serán aportados pola Consellería do Mar”, explicou Cores Tourís.

En total, na provincia de Pontevedra beneficiaranse 34 proxectos cun investimento global de 2,05 millóns de euros dos que case un millón corresponderán a axudas procedentes desta orde.

Deste xeito, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca quere contribuír ao logro de fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables; impulsar a aplicación da política pesqueira común e fomentar un desenvolvemento territorial equilibrado e integrador das zonas pesqueiras e acuícolas.

Así, as axudas aprobadas permitirán poñer en marcha proxectos produtivos na acuicultura, para a diversificación da produción acuícola das especies cultivadas, para a modernización dos centros acuícolas, as melloras e modernización relacionadas coa saúde e co benestar dos animais, incluída a adquisición de equipamentos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes e para investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor. Tamén permitirá que se leven a cabo iniciativas para a diversificación dos ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.

O delegado territorial fixo tamén un chamamento ao sector de cara a que valore o destino dos fondos. “O ano pasado esta orde tivo unha baixa execución por ser o primeiro ano que se aplicaron. Pedímoslle aos interesados que tamén valoren os conceptos subvencionables e a propia evolución da produción e da súa estratexia empresarial”.

Segundo apuntou Cores Tourís, a experiencia do pasado ano fixo que dende a Administración se incorporaran conceptos subvencionables. “Foi necesario realizar moitas demandas e elevar moitas consultas para verificar a elexibilidade de moitas accións e actuacións por parte dos posibles beneficiarios, especialmente no sector mitilicultor (novas bateas, melloras nos buques auxiliares, etcétera) e poder chegar así a máis conceptos e achegar máis axudas”, explicou o delegado territorial.

Bandera Unión Europea