A Xunta destina 2,7 millóns de euros á mellora das condicións laborais dos traballadores do mar e á modernización da frota

03 de Outubro de 2017

Rosa Quintana lembrou que ademais a Administración galega preparou e trasladou ás autoridades nacionais e europeas correspondentes unha proposta para adecuar as esixencias dos botiquíns aos tempos de resposta derivados da distancia á costa. Fixo fincapé na importancia de mellorar a implementación e expansión dos instrumentos xurídicos dispoñibles para conseguir que o sector pesqueiro mundial asuma as pautas normativas internacionais como propias

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o apoio da Xunta a “todas as actuacións que promovan a mellora das condicións sociolaborais dos traballadores do mar”. Neste sentido, sinalou que a Consellería do Mar destina este ano 2,7 millóns de euros á mellora das condicións laborais dos traballadores do mar e á modernización da frota no marco da convocatoria de axudas destinada a este fin e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Un apoio que se complementa con outras accións das que tamén deu conta Rosa Quintana durante o acto da FAO Diálogo Vigo 2017 para promover o emprego responsable. Así lembrou que no eido normativo de seguridade laboral a Administración galega creou un grupo de traballo a través do preparou unha proposta para adecuar as esixencias dos botiquíns aos tempos de resposta derivados da distancia á costa. Unha proposta que foi trasladada ás autoridades nacionais e europeas correspondentes, engadiu.

Outra dos feitos no eido da seguridade no mar aos que fixo referencia Rosa Quintana foi o establecemento do sistema de gardas presenciais no servizo aéreo de rescate de Gardacostas para garantir a asistencia as 24 horas do día dos 365 días do ano. A isto engadiu que a Xunta trasladou ao Goberno central a petición de que ratifique o convenio 188 da Organización Internacional do Traballo sobre o traballo no sector pesqueiro. Fíxoo, lembrou, tras aprobarse no mes de marzo por unanimidade na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento unha proposición non de lei sobre isto.

Este convenio, sinalou a titular de Mar, xunto co protocolo sobre o traballo forzoso e as directrices da FAO para a pesca deben ser a referencia das empresas e dos gobernos para que se cumpra coas esixencias laborais e condicións contractuais baixo as que deben traballar os profesionais do mar. Todo isto, subliñou, co obxectivo de “asegurar unhas condicións laborais dignas a bordo dos buques pesqueiros e contribuír ao mesmo tempo a estender os estándares básicos de seguridade e de prevención de riscos laborais”.

Neste sentido fixo fincapé na importancia de mellorar a implementación e expansión dos instrumentos xurídicos dispoñibles para “conseguir que o sector pesqueiro mundial no seu conxunto asuma as pautas normativas internacionais como propias”. Tamén apelou a combater e condenar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, “á que se asocian con frecuencia as malas condicións de traballo”.

Bandera Unión Europea