A Xunta destaca que as súas xestións permitiron o acceso do marisqueo a pé aos fondos europeos para mitigar os efectos do coronavirus

04 de Decembro de 2020

As directoras xerais de Pesca e de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

  • A directora xeral de Pesca explicou que a maioría das medidas para paliar o impacto da covid-19 son cofinanciadas polas comunidades autónomas, entre elas as da paralización dos mariscadores a pé e as compensacións da acuicultura e da transformación
  • O Centro de Investigacións Mariñas estuda a explotación de macroalgas de interese comercial para impulsar a xestión sustentable e o cultivo do recurso e cos resultados prevé elaborar unha guía de boas prácticas neste ámbito
  • O roubo dos berberechos que estaban nunha batea da ría de Arousa e que pertencían a unha investigación do CIMA foi denunciado pola Xunta ante a Garda Civil e supón un atranco na mellorara da produción deste recurso

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, defendeu hoxe as xestións da Consellería do Mar ante o Goberno central e deputados do Parlamento Europeo que permitiron incluír expresamente o marisqueo a pé na reforma realizada no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para mitigar os efectos da covid-19. Nesta liña explicou que nun principio a proposta da Comisión Europea non incluía a este sector que durante o estado de alarma e o confinamento foi designado como esencial e que sufriu perdas ou incluso non puido faenar debido ao peche da hostalaría e restauración.

Así o sinalou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento onde tamén subliñou que, en canto se decretou o estado de alarma no mes de marzo, o Executivo autonómico empezou a solicitar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se mobilizara “para conseguir unha modificación do fondo comunitario que permitise dar cobertura ás necesidades do sector”. Unha modificación, especificou a directora xeral, que incluíse ao marisqueo a pé e que dese solución ás paradas temporais da frota motivadas pola covid-19 e ás perdas que puidesen producirse na acuicultura e na transformación.

Ademais desde a Xunta tamén se sinalou a necesidade de articular medidas para paliar as perdas ocasionadas ás confrarías de pescadores e para garantir a competitividade das embarcacións que optaron por seguir activas e que sufriron perdas polo peche da hostalería, a contracción da demanda e a caída de prezos.

Á vista das dificultades que se poñían desde a Administración central para incorporar ao marisqueo a pé na reforma do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, expuxo Mercedes Rodríguez, a Consellería do Mar contactou con europarlamentarios. Estes representantes do Parlamento Europeo “foron sensibles a esta necesidade e á de incluír a compensación ás empresas de transformación e con estes apoios logrou modificarse o regulamento do FEMP nos termos que agora se recollen”. Neste sentido, explicou que o fondo europeo agora inclúe, entre outras, as paradas temporais da frota (onde se inclúe ao marisqueo a flote) e do marisqueo a pé pola covid-19, compensacións á acuicultura e á transformación e a flexibilización de medidas relacionadas con seguros.

Polo tanto, subliñou Mercedes Rodríguez, “foi a acción da Xunta a que permitiu a modificación do regulamento FEMP para o uso destes fondos para mitigar os efectos do coronavirus”. A maiores indicou que “das distintas medidas que se permiten no FEMP, a Administración central só usou a da paralización temporal da frota e as axudas polo almacenamento de produtos da pesca”. Deste xeito, especificou, a maioría das medidas son cofinanciadas polas comunidades autónomas, entre elas as da paralización dos mariscadores a pé e as compensacións da acuicultura e da transformación.

Macroalgas
Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu a dúas preguntas relacionadas co labor do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Unha delas sobre o estudo da explotación de macroalgas de interese comercial en Galicia aprobado este ano e que abarca as anualidades 2020, 2021 e 2022 co obxectivo de impulsar unha xestión sustentable que permita manter o estado de conservación destes recursos e avanzar no seu cultivo.

Para iso, explicou a directora xeral, na avaliación da explotación destes recursos prevese empregar novas tecnoloxías como drons aéreos e submariños que poderán ser complementados con análises de imaxes de satélite para obter información sobre a situación dos bancos de macroalgas sen necesidade de desprazarse ás localidades de seguimento.

Ademais, engadiu, realizaranse estudos en laboratorio e experiencias de cultivo e os investigadores procesarán a información dos plans de explotación das entidades que cultivan macroalgas, o que axudará a elaborar unha guía de boas prácticas para a explotación destes recursos. Susana Rodríguez tamén expuxo que esta investigación se basea no que establece o Pacto Verde Europeo proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019 e que inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación.

Berberecho
A outra pregunta á que respondeu a directora xeral é sobre o roubo de arredor de 5.200 individuos de berberecho que estaban nunha batea instalada na ría de Arousa e pertencían a un proxecto de investigación do CIMA denominado Croquedous. Este suceso foi posto en coñecemento da Garda Civil e a iniciativa tiña como obxectivo a obtención de estirpes resistentes ao parasito Marteilia cochillia mediante engorde en batea de semente producida en criadeiro.

A directora xeral destacou que este roubo -o segundo que afecta á investigación tralo acontecido en decembro de 2016- interrompe o desenvolvemento deste proxecto e supón un importante atranco na mellorara da produción deste recurso ao tempo que obriga a buscar novas liñas de traballo neste eido. Non obstante, expuxo Susana Rodríguez, o CIMA conserva a información xerada durante o desenvolvemento da investigación.

Bandera Unión Europea