A Xunta defende que as novas normas de control da actividade pesqueira non supoñan un menoscabo para a frota galega

06 de Mai de 2019
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu á celebración do Día de Europa na sede da Axencia Europea de Control da Pesca
A Xunta defende que as novas normas de control da actividade pesqueira non supoñan un menoscabo para a frota galega
  • A Consellería do Mar aposta por estreitar lazos entre Galicia e Europa para defender o mar e erradicar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada
  • O Executivo galego ve preciso corrixir algúns aspectos das modificacións dos regulamentos europeos de control e de medidas técnicas dos aparellos
  • Rosa Quintana tamén lembrou a incerteza que xeran no sector asuntos como o brexit ou a obriga de desembarque

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe á celebración do Día de Europa na sede da Axencia Europea de Control da Pesca de Vigo, onde defendeu a necesidade de estreitar lazos entre Galicia e Europa para defender o mar. Nese sentido, lembrou o esforzo realizado na comunidade para loitar contra o furtivismo e apostou por avanzar no control da actividade pesqueira pero sen que supoña un menoscabo para a frota.

A titular de Mar, que estivo acompañada no acto polo subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, e pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, destacou o compromiso da Xunta coa erradicación da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e co desenvolvemento da normativa europea deseñada para acadar ese obxectivo.

Non obstante, Rosa Quintana advertiu das consecuencias que poden ter na frota tanto a modificación do regulamento do réxime de control da pesca como a reforma do regulamento de medidas técnicas. No caso do primeiro, a conselleira do Mar lembrou que se trata da normativa que fixa toda a política de control e trazabilidade dos produtos do mar e incidiu en que é preciso introducir determinadas correccións.

Neste sentido, sinalou como “preocupante” o custo económico que suporía ter que cumprir coa obriga de localización no caso das embarcacións que quedan fóra da descrición de frota artesanal. Ademais incidiu en que este feito podería levar a codificar máis de catro millóns de declaracións de captura que xa estarían cubertas coa nota de venda obrigatoria.

En canto ao regulamento de medidas técnicas, que recolle as normas básicas de dimensións das redes, das zonas de veda ou os tipos de artes, a titular de Mar destacou como puntos conflitivos as medidas das mallas no enmalle, “que farían que fose inviable outra vez a pesqueira do xeito”, e a proposta da Comisión Europea de harmonización total e restritiva dos aparellos pese a dirixirse a pesqueiras diferentes, o que complicaría a actividade da frota.

Rosa Quintana tamén abordou a definición do futuro Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e apuntou que considera necesario corrixir polo menos tres aspectos: a eliminación das axudas directas ao sector da transformación, as achegas para novas construcións e modernizacións dos barcos e a definición da frota artesanal, que na actualidade se vencella á eslora dos barcos e ao emprego das artes de arrastre, o que supón deixar fóra moitas embarcacións.

A conselleira do Mar tamén lembrou a incerteza que xeran na actualidade outros dous asuntos de interese para a frota galega, como son o brexit e a aplicación da obriga de desembarque. No primeiro caso apostou porque o acceso aos recursos pesqueiros do Reino Unido estea condicionado ao seu acceso ao mercado europeo. Sobre a obriga de desembarque resaltou a importancia de afrontar un posible bloqueo da actividade pola existencia das especies de estrangulamento.