A Xunta aposta pola promoción para a posta en valor dos produtos do mar e da economía local

04 de Abril de 2018

Rosa Quintana destacou que a campaña de Vegalsa-Eroski e de Anfaco-Cecopesca, que hoxe se presenta, busca difundir os valores nutricionais das conservas de produtos do mar e as súas posibilidades gastronómicas.

  • Lembrou que o Goberno autonómico leva traballando desde o 2010 en dúas campañas de promoción de consumo de produtos do mar entre os máis novos, que chegaron a máis de 100.000 nenos e nenas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo a posta en marcha de iniciativas de promoción que poñan en valor a calidade, a orixe e a variedade dos produtos do mar, que valoricen a economía local e que fomenten a súa visibilidade. Así o destacou durante a presentación da campaña de promoción de conservas de peixe de Vegalsa-Eroski e Anfaco-Cecopesca, onde fixo fincapé na importancia de contar con “ferramentas adecuadas para promover unha educación nutricional óptima”.

Neste sentido, Rosa Quintana, agradeceu o interese de Vegalsa-Eroski e de Anfaco-Cecopesca “por adoptar este tipo de iniciativas, que redundan na adaptación de premisas de educación nutricional ás novas realidades comerciais”. Iniciativas, subliñou a conselleira, como a campaña comercial integral que hoxe se presenta e que está centrada nas conservas de produtos do mar.

Esta campaña ten entre os seus obxectivos destacar as bondades que aportan á nosa dieta as conservas e as súas posibilidades gastronómicas. Tamén, engadiu a titular de Mar, “promocionar os produtos de proximidade da nosa Comunidade, na súa aposta por darlle o sitio que lles corresponde aos provedores galegos”.

Segundo explicou Rosa Quintana, estes obxectivos coinciden coa aposta da Xunta por fomentar actividades que repercutan favorablemente no desenvolvemento do sector e da industria conserveira e por impulsar accións promocionais e divulgativas que involucren aos diferentes axentes comerciais.

De aí que desde o ano 2010 desde a Xunta esteamos traballando en dúas campañas de promoción destinadas aos escolares máis novos, explicou a conselleira. Unha delas é O sabor da aventura está no mar, que é un programa que busca transmitir aos escolares a importancia dos produtos do mar na súa dieta. A outra campaña é Ponlle as pilas ao teu bocata, destinada a fomentar o consumo da conserva de produtos do mar.

Ambos programas foron seleccionados pola FAME Support Unit da Unión Europea, como exemplo de boas prácticas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Ademais a titular de Mar destacou que estas dúas campañas chegaron a máis de 100.000 nenos e nenas de Galicia.

Rosa Quintana tamén puxo como exemplo a iniciativa Do mar ao prato, deseñada para os centros públicos e privados de ensinanza da hostalería de Galicia. Con esta campaña ofréceselle aos futuros profesionais da gastronomía galega coñecementos sobre os produtos do noso mar. Tamén se promove a aposta por novos modelos de negocio na economía local.

Estas iniciativas, subliñou Rosa Quintana, repercuten “no enriquecemento do patrimonio gastronómico, cultural e turístico de Galicia, dando pulo ao noso sector primario e ao tecido industrial galego”. Neste eido de traballo destacou ademais o selo de calidade pescadeRías, que identifica nos mercados os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal de Galicia.

Por último a conselleira expuxo que con todas estas accións, “estamos conseguindo mellorar a orientación das pautas alimentarias da nosa sociedade, que toma como referencia o consumo dos produtos do mar, e estamos contribuíndo á boa marcha do sector marítimo-pesqueiro”.

Bandera Unión Europea