Rosa Quintana salienta a importancia social do sector marítimo-pesqueiro en Galicia con case 40.000 empregos directos xerados

01 de Outubro de 2019

A conselleira do Mar participou na presentación dunha nova liña de financiamento do Banco Santander para o sector de Pesca e Acuicultura

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación dunha nova liña de financiamento do Banco Santander para o sector de Pesca e Acuicultura, onde destacou a importancia destas actividades para a economía de Galicia pois aportan máis do 2% do produto interior bruto (PIB) da comunidade.

A titular de Mar subliñou que o valor xerado por este sector está moi por enriba da media española e europea e lembrou que Galicia concentra máis do 50% do emprego marítimo-pesqueiro de España e o 10% da Unión Europea coa xeración de preto de 40.000 postos de traballo directos entre mariscadores, tripulantes de pesqueiros, acuicultores, vendedores e profesionais do sector transformador, entre outros.

A representante do Executivo galego destacou ademais a importancia de que este sector conte con financiamento en boas condicións dado que a súa actividade supón máis de 550 millóns de euros só en salarios e ten un impacto económico de 1.770 millóns de euros noutras actividades relacionadas só pola adquisición de produtos para desenvolver o seu traballo. De feito, 64 das 81 ramas de actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

Rosa Quintana lembrou que o sector pesqueiro galego logrou aumentar un 90% as súas cotas de pesca desde o ano 2009, tras anos de constantes recortes por parte da Unión Europea, e que esa mellora permitiu que as lonxas galegas facturasen o ano pasado máis de 490 millóns de euros, preto do récord acadado en 2017, cando roldaron os 510 millóns de euros de cifra de negocio.

A conselleira do Mar salientou que para poder avanzar nesta liña son fundamentais os fondos europeos destinados ao sector marítimo-pesqueiro e lembrou que as demandas feitas por Galicia contribuíron a simplificar e adaptar o futuro fondo europeo da pesca para que sexa máis áxil e fácil de aplicar. Ademais, a comunidade fixou como liñas prioritarias a aposta polo relevo xeracional, as facilidades no acceso ao sector e o mantemento da competitividade do sector pesqueiro.

Bandera Unión Europea