Rosa Quintana pide a Bruxelas que non criminalice á frota pesqueira coa instalación de cámaras de videovixilancia a bordo

25 de Marzo de 2021

A conselleira do Mar mantivo un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva

  • Así llo trasladou á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea nun encontro por videoconferencia para tratar os principais asuntos de interese do sector marítimo-pesqueiro galego
  • Asegura que este tipo de decisións afastan ao sector das institucións pois demostran a falla de coñecemento da súa realidade con normas excesivas que complican en gran medida o seu labor
  • A titular de Mar demanda melloras no proxecto de regulamento europeo de control da pesca durante os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo
  • Galicia incide na necesidade de acadar un acordo sobre as cotas pesqueiras entre a Comisión Europea e o Reino Unido para dar seguridade xurídica e estabilidade ao sector tendo en conta os aspectos socioeconómicos
  • O Executivo galego pide que o fondo de compensación do brexit atenda tamén o impacto indirecto na frota así como o incremento dos seus recursos ata os 1.000 millóns de euros podendo empregar incluso contías non executadas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que lle expuxo os principais asuntos de interese do sector marítimo-pesqueiro galego e lle trasladou que considera disparatada a pretensión do Executivo comunitario de facer obrigatoria a instalación de cámaras de videovixilancia a bordo da frota europea por entender que se trata dunha medida que criminaliza ao sector.

A representante do Goberno galego, que estivo acompañada por tres membros do grupo de traballo do Consello Galego de Pesca sobre o brexit, describiulle a realidade da frota artesanal galega e advertiulle de que este tipo de decisións adoptadas por Bruxelas, que xeran rexeitamento no sector, afastan aos profesionais da pesca das institucións pois demostran falla de coñecemento da súa realidade e complican en gran medida o seu labor diario. Ese é o motivo, precisamente, de que o sector pesqueiro galego teña convocadas para mañá varias protestas en contra dos plans en materia de control das institucións comunitarias.

Rosa Quintana abordou durante o encontro distintas cuestións que xeran malestar e preocupación entre o sector pesqueiro galego en relación coa modificación do regulamento europeo de control da pesca, pois inclúe medidas que se pretenden aplicar ao conxunto da frota como a videovixilancia a bordo -que incluso pode chocar coa intimidade do traballo a bordo e coa protección de datos dos mariñeiros-, a xeolocalización dos buques ou a notificación dixital das capturas antes da chegada a porto.

No referente á videovixilancia a bordo, a conselleira mesmo lembrou que tanto a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo como outros actores do sector son máis partidarios de que esta medida sexa voluntaria -cun sistema de incentivos para a súa instalación- ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave da normativa pesqueira, unhas opcións que terían unha maior aceptación no sector.

A titular de Mar insistiulle á responsable do Executivo comunitario en que este tipo de medidas son negativas para a baixura galega pois supoñen maior burocracia e non implican unha mellora no control da súa actividade. É o caso da xeolocalización das embarcacións de menos de 12 metros de eslora, sobre a que Galicia defendeu en todo momento a exclusión da baixura desa obrigatoriedade posto que o dispositivo supón un custo importante para a frota e trátase de embarcacións perfectamente controladas ao atoparse preto da costa.

Outro dos aspectos que Galicia considera negativos da proposta de regulamento de control é a obriga de rexistrar dixitalmente as declaracións de capturas nas embarcacións de menos de 12 metros antes da súa chegada a porto. Esta exixencia, incidiu a conselleira do Mar, afectaría a moitas embarcacións que realizan mareas inferiores a 24 horas e tamén ao marisqueo, en moitos casos cun único tripulante a bordo, o que complica a súa operatividade e supón maior burocracia duplicando a notificación previa ao desembarque.

Ante esta situación e o malestar xerado no conxunto do sector pesqueiro galego e, de xeito especial, na frota artesanal, a representante do Executivo galego demandou melloras durante o proceso de negociación no marco dos trílogos -Comisión Europea, Eurocámara e Consello Europeo- para deseñar un regulamento de control máis adaptado á realidade da frota e que non criminalice ao sector.

Brexit
O encontro entre Rosa Quintana e Charlina Vitcheva tamén serviu para analizar a situación derivada do brexit e a negociación das posibilidades de captura en augas compartidas co Reino Unido. Neste sentido, a titular de Mar incidiu na necesidade de que se acade un acordo entre as partes para dar seguridade xurídica e estabilidade á frota así como a importancia de ter en conta os aspectos sociais e económicos na fixación das posibilidades de captura, tal e como establece a Política Pesqueira Común (PPC).

A representante da Xunta expuxo que cinguir o acordo exclusivamente ás recomendacións científicas suporía un mal precedente e avogou por avanzar nas negociacións de cara a 2026 blindando o mantemento do statu quo en canto ás pesqueiras, acadando o acceso ás augas británicas a cambio da entrada dos produtos do Reino Unido no mercado europeo.

Precisamente, outro dos asuntos abordados na xuntanza foi o fondo de reserva de axuste do brexit, sobre o que Galicia defende a inclusión de compensacións para os efectos indirectos na pesca incorporando aspectos como o impacto en augas de terceiros países ou internacionais así como a menor rendibilidade asociada ás dificultades para xerar intercambios. Esta situación débese á cesión do 25% das cotas europeas ao Reino Unido ata 2026 a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio no marco do acordo sobre o brexit.

A comunidade tamén defende que se amplíen os recursos do fondo destinado ao sector pesqueiro desde os 600 millóns de euros ata os 1.000 millóns e que se poidan incorporar os fondos non empregados do actual Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) así como que a súa vixencia chegue, como mínimo, ata 2026.

Por último, a conselleira do Mar trasladoulle a Charlina Vitcheva a importancia de que na estratexia da Unión Europea sobre diversidade para 2030 recoñeza o papel do sector pesqueiro como elemento de sustentabilidade e conservación dos mares así como a importancia dos aspectos sociais e económicos da pesca e o seu papel na posta a disposición da cidadanía de alimentos de calidade.

Bandera Unión Europea