Máis de 100 nenos e nenas de Muros coñecen os nutrintes das conservas de produtos do mar co programa 'Ponlle as pilas ao teu bocata'

13 de Maio de 2019

A conselleiras do Mar e de Educación, Universidade e Formación Profesional visitaron hoxe o CEIP Ramón de Artaza y Malvárez

  • Esta iniciativa súmase a outras como ‘O sabor da aventura está no mar’, ambas se enmarcan na aposta da Xunta de promover o consumo de peixe e marisco e desde a súa posta en marcha chegaron a máis de 110.000 nenos e nenas
  • A campaña enmárcase na liña do Plan proxecta dirixida a mellorar os hábitos de alimentación dos máis novos

As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañaron hoxe ao alumnado do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez no obradoiro da iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata. A través deste programa máis de 100 alumnos e alumnas deste colexio muradán aprenderon contidos relativos aos valores nutritivos das conservas de produtos do mar, coñeceron as distintas formas de presentación e os tipos de recipientes e realizaron bocadillos a base de conservas.

A conselleira do Mar explicou que con esta iniciativa a Administración galega busca achegar o mundo das conservas de peixes e mariscos e os seus valores nutritivos aos nenos e nenas. Ademais, sinalou, este programa tamén ten como obxectivo impulsar o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil e xuvenil dun xeito diferente.

Ao mesmo tempo, engadiu Rosa Quintana, ensinámoslle a manipular as conservas desde o punto de vista gastronómico. Neste sentido, destacou que ademais de poñer estes coñecementos en práctica no obradoiro, entrégaselles aos nenos e nenas un minirecetario con propostas de elaboración de bocatas a base de conservas.

A titular de Mar explicou que Ponlle as pilas ao teu bocata se suma a outras campañas como O sabor da aventura está no mar e ambas se enmarcan na aposta da Xunta de promover o consumo dos produtos do mar. Ambas accións, iniciadas no curso escolar 2010/2011, chegaron a máis de 110.000 nenos e nenas e ademais as dúas foron escollidas pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Pola súa banda, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional salientou a importancia de introducir os hábitos saudables na escola de forma transversal dunha forma amena e didáctica. Neste sentido, explicou que esta campaña se enmarca no Plan Proxecta, o paraugas baixo o que o seu departamento acolle as diferentes inicativas que outras consellerías e organismos desenvolven no eido educativo. En concreto Ponlle as pilas ao teu bocata forma parte do programa Aliméntate Ben, que inclúe todas as accións dirixidas a fomentar unha alimentación saudable (a través de peixe, lácteos, froita...) entre os máis novos.

Bandera Unión Europea