Galicia traslada ao Estado o seu apoio e lealdade na demanda a Bruxelas de medidas económicas para o complexo mar-industria ante a crise do coronavirus

27 de Marzo de 2020

A conselleira do Mar enviou unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación ante as negociacións coa Comisión Europea sobre o COVID-19

Galicia traslada ao Estado o seu apoio e lealdade na demanda a Bruxelas de medidas económicas para o complexo mar-industria ante a crise do coronavirus
  • A Xunta considera insuficiente e ineficaz a primeira proposta da Comisión Europea para apoiar ao sector e demanda unha resposta efectiva da Unión Europea a unha actividade que subministra alimento de calidade
  • O Goberno galego ve recollidas as súas demandas nas que o Estado remitiu ao Executivo comunitario pero incide na urxencia de modificar o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para poder empregar de forma directa os recursos dispoñibles ou non utilizados ata o momento
  • A titular de Mar defende esa reforma inmediata do FEMP para que poidan acollerse ás medidas da paralización temporal da actividade todos os afectados pola crise do coronavirus, como as distintas modalidades do marisqueo a pé e outros colectivos vencellados a esta actividade

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enviou hoxe unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, na que lle traslada o seu apoio e a máxima lealdade de Galicia na negociación con Bruxelas co obxectivo de establecer mecanismos europeos de axuda para o sector marítimo-pesqueiro e a cadea mar-industria ante a crise xerada polo coronavirus. A titular de Mar destaca que as demandas trasladadas por España ao Executivo comunitario coinciden en boa medida coas transmitidas pola Xunta ao Estado, polo que lle ofrece a súa colaboración para obter un resultado satisfactorio para o conxunto do sector pesqueiro.

A representante do Executivo galego lembra que a primeira proposta de medidas feita pola Comisión Europea era insuficiente e ineficaz, polo que solicita unha resposta efectiva da Unión Europea en defensa dun sector fundamental para subministrar alimentos de calidade á cidadanía nestes difíciles momentos.

Nesta liña, a conselleira do Mar apoia ao ministro -como xa lle trasladou na videoconferencia mantida o xoves da semana pasada- na necesidade de modificar o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) co obxectivo de que permita empregar de forma directa os fondos dispoñibles e non utilizados ata o momento. Esa reforma contribuiría a optimizar o aproveitamento dos recursos e a non menoscabar as contas públicas do Estado e das comunidades autónomas, centradas actualmente nas medidas de emerxencia na saúde pública e nas políticas sociais ante a incidencia do coronavirus.

Rosa Quintana tamén lle sinala ao Goberno central un matiz para que, no marco do FEMP, se introduzan cambios de xeito inmediato para que poidan acollerse ás medidas de paralización temporal da actividade todos os colectivos afectados, o que incluiría a todas as modalidades de marisqueo a pé e outros grupos de profesionais relacionados directamente coa actividade e especialmente afectados pola crise do COVID-19.

Medidas adicionais

As medidas trasladadas ao ministro na misiva reforzan as xa comentadas pola conselleira do Mar na videoconferencia mantida a semana pasada, na que lle expuxo a necesidade destas e doutras medidas de apoio ao sector marítimo-pesqueiro como beneficios fiscais para as empresas do sector ou a rebaixa dos índices ou módulos aplicables ás actividades pesqueira, marisqueira e acuícola. A isto engádese a petición dunha bonificación do 100% nas cotas da Seguridade Social mentres estea en vigor o estado de alarma, considerándose como cotizado o tempo que dure esta situación.

O Executivo galego tamén expuxera a importancia de habilitar outros mecanismos como liñas de crédito que permitan a reposición ou reparación dos danos causados pola declaración do estado de alarma. Entre os casos a cubrir estarían, entre outros, os produtos do mar deteriorados pola falla de demanda ou a imposibilidade de retirada e posta no mercado, a restauración de zonas de marisqueo danadas ou con menor produción pola ausencia de actividade ou a perda de ingresos por taxas das entidades xestoras de centros de primeira venda de produtos do mar.

Todas estas medidas de apoio, incidiu Rosa Quintana, deben saír fundamentalmente do FEMP e deben incluír como beneficiaria a toda a cadea mar-industria (conserveiras, sector do conxelado, depuradoras ou cocedoiros) como afectada pola paralización da actividade. De feito, puxo como exemplo a peculiar situación que se vive no marisqueo e nas empresas depuradoras vencelladas a el, cunha demanda moi baixa de marisco polo peche dos locais de hostalería e as dificultades que atopan para colocar un produto ao que é difícil darlle saída máis aló do mercado en fresco.

Bandera Unión Europea