Galicia pon á disposición do marisqueo máis de 2 millóns de euros para proxectos de mellora das zonas de produción e para a protección dos ecosistemas

16 de Febreiro de 2021
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as ordes de axudas para iniciativas que contribúan a mellorar a produción dos bancos marisqueiros mediante accións como sementeiras e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os derivados dos últimos temporais
  • A Xunta aclara que, unha vez se coñeza o impacto exacto das últimas inclemencias meteorolóxicas, se podería ampliar o crédito destas achegas ou habilitar medidas adicionais de apoio ao sector
  • Entre as accións subvencionables nas distintas convocatorias atópanse a repoboación das zonas de traballo, a loita contra especies exóticas invasoras, a adquisición de semente ou a recollida activa de lixo mariño
  • A Consellería do Mar impulsa tamén un proxecto para instalar minicriadeiros de semente de moluscos bivalvos en distintos puntos do litoral de Galicia cos que poder atender a demanda existente no sector

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe en rolda de prensa os distintos apoios aos que pode acceder na actualidade o sector marisqueiro galego para mellorar a produción das súas zonas de traballo e protexer os ecosistemas e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas. Trátase de tres liñas de axudas que veñen de saír publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a comezos de mes e que contan cun orzamento global de preto de 2,3 millóns de euros para actuacións como as sementeiras de bivalvos co obxectivo de mellorar a produtividade dos areais.

A titular de Mar subliñou que estes apoios poden destinarse a proxectos que mitiguen o impacto das condicións meteorolóxicas adversas das últimas semanas -que provocaron certa mortalidade nos bancos e debilitaron o marisco como consecuencia do seu desprazamento das zonas nas que estaba asentado así como pola baixa salinidade da auga- e incidiu en que, unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios, podería incrementarse o crédito destas achegas ou habilitar apoios adicionais para o sector.

A representante do Executivo galego lembrou que o sector marisqueiro galego foi un dos que máis sufriron o impacto da crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus en 2020 -especialmente polo peche da hostalaría durante o estado de alarma- e lamentou que agora ás consecuencias da pandemia se suman os efectos negativos das inclemencias meteorolóxicas. Por iso, salientou que a Xunta apoiará ao sector, como xa fixo o ano pasado, para que supere as dificultades ao tratarse “dunha actividade esencial, que ten futuro e da que dependen milleiros de familias galegas”.

Detalle das axudas
A primeira das ordes de achegas publicadas polo DOG nos últimos días é a destinada a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Esta liña de axudas, cun orzamento dun millón de euros e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), está destinada ás confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans de xestión de recursos marisqueiros.

Entre as actuacións subvencionables que inclúe están a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, polo que permite as sementeiras para recuperar os bancos que presenten elevadas mortalidades. A elas súmanse outras accións como as destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras ou a reducir a contaminación.

A segunda liña de apoios, cun orzamento de 300.000 euros e financiados integramente con fondos propios, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Novamente, os potenciais beneficiarios son as confrarías e as entidades asociativas do sector titulares dos plans de xestión e entre as accións subvencionables está a adquisición de semente para repoboar os bancos marisqueiros con perda de produción.

A estas dúas convocatorias de axudas súmase unha terceira destinada a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños. Neste caso os apoios, cun orzamento de 980.000 euros e cofinanciados polo FEMP, teñen como posibles beneficiarios as confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector, as organizacións non gobernamentais (ONG) xunto ás entidades do sector ou as ONG da man dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Estas achegas, que se convocan por segundo ano, permiten financiar entre 2021 e 2022 accións de recollida no mar de artes de pesca e residuos, a compra e instalación de equipamentos para a recollida e almacenaxe de lixo mariño, a creación de sistemas de recollida de residuos ou a comunicación, información e campañas de sensibilización así como a formación neste eido.

Entre eses apoios inclúense compensacións directas ás mariscadoras e mariscadores a pé así como á frota de artes menores pola recollida activa de lixo. As compensacións diarias no caso do marisqueo equivalen aos ingresos medios da súa actividade por día de faena no trienio 2017-2019 e en función da súa área xeográfica.

Traballo en paralelo
Á marxe das convocatorias de axudas xa vixentes, que poden solicitarse ata comezos de marzo, a conselleira do Mar tamén explicou que a Xunta está a traballar nun proxecto para crear minicriadeiros de semente de bivalvos en distintos puntos do litoral de Galicia -nas tres provincias- cos que paliar a insuficiente dispoñibilidade actual para cubrir a demanda do sector coa finalidade de recuperar os bancos marisqueiros. Trátase dunha iniciativa que está nunha fase inicial e na que o Executivo galego está a traballar xunto co Clúster da Acuicultura de Galicia e coas federacións de confrarías de pescadores galegas co fin de aumentar a produción, impulsar a produtividade dos bancos marisqueiros, elevar os ingresos do sector e crear novos postos de traballo no sector.

A titular de Mar expuxo as liñas de apoio dispoñibles para o sector na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), na ría de Arousa, a zona de referencia en canto a marisqueo de Galicia. Neste sentido, Rosa Quintana destacou que, con datos provisionais e pese ao impacto da crise da covid-19, a ría de Arousa rexistrou en 2020 máis da metade da actividade marisqueira da comunidade coa comercialización de preto de 3.500 toneladas de moluscos bivalvos e uns ingresos duns 38 millóns de euros.