A Consellería do Mar reforza a xestión dos fondos europeos a través da creación dun departamento específico centrado na súa optimización e aproveitamento

11 de Marzo de 2021

Crea a Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que coordinará os distintos organismos intermedios na xestión dos programas operativos dos fondos europeos e colaborará na súa elaboración, no seu seguimento e no seu control para mellorar a súa eficiencia en beneficio do sector marítimo-pesqueiro

Conselleira do Mar
  • Faino mediante o proxecto de decreto coa nova estrutura orgánica da Consellería, que ten como obxectivo avanzar na xestión das súas competencias e na coordinación entre os distintos elos que a conforman
  • A Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca coordinará os distintos organismos intermedios na xestión dos programas operativos dos fondos europeos e colaborará na súa elaboración, no seu seguimento e no seu control para mellorar a súa eficiencia
  • A nova norma tamén establece que a Xefatura Territorial de Celeiro amplía o seu ámbito de actuación e inclúe algúns concellos da Coruña para mellorar a operatividade, o equilibrio entre as xefaturas e optimizar a xestión

A Consellería do Mar vai reforzar a xestión dos fondos europeos mediante a creación dun departamento específico centrado na súa optimización e aproveitamento en beneficio do conxunto do sector marítimo-pesqueiro galego. Esta mellora concrétase coa creación da Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), de acordo co proxecto de decreto coa nova estrutura orgánica da Consellería do Mar á que hoxe deu luz verde o Consello da Xunta.

Esta nova subdirección xeral, que dependerá directamente da persoa titular da Consellería, garante a separación de funcións entre os órganos xestores do gasto asociado ao FEMP e o equipo que realiza a verificación do mesmo ao tempo que actuará como órgano de coordinación da actuación dos distintos organismos intermedios na xestión dos programas operativos dos fondos europeos. Nesta liña, tamén colaborará na planificación dos programas operativos e no seu seguimento e control, o que contribuirá a reforzar o aproveitamento dos fondos europeos que están a disposición do complexo mar-industria de Galicia.

Co mesmo obxectivo de optimizar os recursos existentes, mellorar a operatividade e equilibrar o ámbito de actuación das xefaturas territoriais, a Consellería do Mar vai ampliar a zona de influencia da Xefatura Territorial de Celeiro. Deste xeito, a súa delimitación xeográfica corresponderase cos concellos do litoral da provincia lucense máis os da costa coruñesa desde o límite con Lugo ata Cedeira, que tamén está incluído. Mentres, a Xefatura Territorial da Coruña perde eses concellos que asume Celeiro e Vigo mantense cos que xa tiña, os do litoral da provincia de Pontevedra.

O obxectivo deste cambio é optimizar o uso dos recursos dispoñibles nas tres provincias para mellorar a eficacia e a eficiencia administrativa e equilibrar o seu ámbito de actuación. Ao mesmo tempo, tamén se adaptan as denominacións e funcións dos servizos dependentes de xeito directo das xefaturas territoriais en concordancia coa estrutura e atribucións das direccións xerais dos servizos centrais. Deste xeito, as xefaturas territoriais contarán cun Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro e outro de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, na liña das competencias que teñen atribuídas as dúas direccións xerais da Consellería do Mar.

Outros cambios
Na busca de melloras operativas, o decreto tamén inclúe cambios a nivel organizativo e de competencias tanto na Secretaría Xeral Técnica como na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. Entre eles atópase a atribución á Secretaría Xeral Técnica das competencias en materia de xestión, coordinación e dirección do tratamento de datos así como a determinación dos fins e medios necesarios para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

Entre as novidades incluídas no marco da nova estrutura tamén está unha maior precisión nas funcións que corresponden ao Servizo de Protección dos Recursos do Servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais do control de toda a canle de extracción e comercialización, transporte, almacenaxe e transformación dos produtos do mar e da acuicultura, o servizo debe vixiar as actividades relacionadas coa pesca marítima de lecer e os asuntos que lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

 

Bandera Unión Europea