As confrarías coruñesas das rías de Muros e Noia e de Arousa xestionan máis de 625.000 euros en proxectos de mellora medioambiental

30 de Agosto de 2017

As confrarías que participan neste programa bianual son as de Muros, Cabo de Cruz, Noia, O Pindo, A Pobra, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Carreira e Aguiño. Son accións de protección e recuperación da biodiversidade, xestión e conservación dos recursos e fomento da sensibilización ambiental

A Xunta de Galicia destinou nos últimos dous anos 625.934 euros en axudas a proxectos de carácter medioambiental liderados polas confrarías coruñesas das rías de Arousa e Muros e Noia. Deste orzamento, un total de 321.871 euros foron investidos en 2016 e 313.063 neste ano 2017. Nestas rías, as confrarías que participan neste programa foron as de Muros, Cabo de Cruz (Boiro), Noia, O Pindo (Carnota), A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Carreira e Aguiño (Ribeira).

Trátase dunha orde bianual, que está dotada en total con máis de 3,1 millóns de euros a repartir entre 26 confrarías da provincia da Coruña. Conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e está destinada a proxectos que contribúen á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos e dos ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental. Os proxectos realízanse a través de asistencias técnicas, que son as que financia esta orde.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou que as achegas buscan que a Consellería do Mar e as confrarías leven a cabo un seguimento conxunto das actuacións e tomen as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento. “Deste xeito, a Xunta traballa conxuntamente co sector na defensa do medio mariño con medidas de xestión e de apoio aos profesionais que permitan acadar a máxima rendibilidade sen poñer en perigo a conservación do recurso e do seu medio”, apuntou.

Bandera Unión Europea