O FEMP

O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) é un dos cinco Fondos Estructurais e de Investimentos Europeos (Fondos EIE) para o período 2014-2020 que contribue á consecución dos obxectivos da Política Pesqueira Común (PPC), a Política Marítima Integrada (PMI) e á estratexia Europa 2020.
ondas

O ámbito de aplicación do FEMP inclúe axudas á PPC para a conservación dos recursos biolóxicos mariños, a xestión da pesca e das frotas que explotan os devanditos recursos, os recursos biolóxicos de auga doce e a acuicultura, así como para a transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, cando estas actividades sexan realizadas no territorio dos Estados membros ou por buques pesqueiros da Unión ou por nacionais de Estados membros. Tamén presta apoio para o control e a inspección así como para dispor de información completa e fiable, tanto con fines de asesoramento científico como a efectos de execución e control.

Convén indicar tamén o apoio do FEMP á PMI, no que respecta ao desenvolvemento e a execución de operacións coordinadas e á toma de decisións con respecto aos océanos, mares, rexións costeiras e sectores marítimos, que complementan as diversas políticas da Unión que inciden neses ámbitos.

Prioridades

O FEMP perseguirá as seguintes prioridades da Unión, respecto do desenvolvemento sostible das actividades da pesca, acuicultura e actividades conexas:

  1. Fomentar unha pesca sostible dende o punto de vista medioambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento a través dos seguintes obxectivos específicos:
    1. a redución do impacto da pesca no medio mariño, o que incluirá evitar e reducir, na medida do posible as capturas non desexadas;
    2. a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos;
    3. o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles;
    4. o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal, e mellora das condicións de seguridade e traballo;
    5. o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, incluído o aumento da eficiencia enerxética e a transferencia de coñecementos;
    6. o desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias profesionais e da formación permanente.
  2. Fomentar unha acuicultura sostible dende o punto de vista medioambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento a través dos seguintes obxectivos específicos:
    1. o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a transferencia de coñecementos;
    2. o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas acuícolas, incluída a mellora de seguridade e das condicións de traballo, en particular das PEME (Pequenas e Medianas Empresas);
    3. a protección e a recuperación da biodiversidade acuática e a potenciación dos ecosistemas relacionados coa acuicultura e fomento dunha acuicultura eficiente no uso dos recursos;
    4. o fomento dunha acuicultura cun elevado nivel de protección do medio ambiente, e a promoción da saúde e o benestar dos animais, e da saúde e a protección públicas;
    5. o desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias profesionais e da formación permanente.
  3. Fomentar a aplicación da PPC mediante os seguintes obxectivos específicos:
    1. a mellora e o aporte de coñecementos científicos así como a mellora na recopilación e xestión de datos;
    2. o apoio á supervisión, ao control e a observancia, a potenciación da capacidade institucional e unha administración pública eficiente, sen aumentar a carga administrativa.
  4. Aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o obxectivo específico de fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.
  5. Fomentar a comercialización e a transformación a través dos seguintes obxectivos específicos:
    1. a mellora da organización de mercados dos productos da pesca e a acuicultura;
    2. o incentivo dos investimentos nos sectores da transformación e a comercialización.
  6. Fomentar a aplicación da PMI.

nasas

Funcionamento

  • Unha parte do orzamento total do Fondo é asignada a cada estado membro en función do tamaño do seu sector pesqueiro.
  • Cada estado membro elabora un programa operativo (aprobado pola Comisión), no que establece como vai dispor do diñeiro da parte do Fondo que lle corresponde.
  • En España, o estado membro a través da Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca y Medio Ambiente (autoridade nacional de xestión do Fondo), distribúeo entre as Comunidades Autónomas segundo o peso do sector de cada unha delas.
  • Cada Comunidade Autónoma, como a propia autoridade de xestión de xeito independente, determinan as medidas que van empregar do Fondo para acadar os respectivos obxectivos sempre aliñados coa PPC e con Europa 2020. O organismo intermedio de xestión (Comunidade Autónoma) ou a autoridade nacional, decide os proxectos que se van financiar.

Os criterios para a selección de proxectos son elaborados conxuntamento polo organismos intermedios de xestión das CCAA e a autoridade nacional de xestión, de xeito que existe un documento único de criterios de selección para España.

  • Para que a autoridade nacional reciba o reembolso das cantidades abonadas ao beneficiario pola propia autoridade ou polos distintos organismos intermedios, deberá certificarse á devandita cantidade á Comisión.
  • A autoridades nacionais e a Comisión son responsables conxuntamente da aplicación do programa.

Bandera Unión Europea