A Xunta ve clave proxectos como os 'Bolechas e o mar' para trasladar ás novas xeracións o valor da pesca

14 de Outubro de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asistiu ás presentacións do proxecto ‘Os Bolechas e o mar’ e da campaña ‘Camiño gastronómico do mar’

  • Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Expomar ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal e financiada pola Xunta con preto de 15.000 euros no marco das axudas de 2021 destinadas aos proxectos dos GALP
  • Na presentación da campaña Camiño gastronómico do mar, da OPP de Lugo, Mercedes Rodríguez puxo esta iniciativa como exemplo de colaboración para promover os produtos pesqueiros e divulgar o Camiño do Mar

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou a importancia de iniciativas como Os Bolechas e o mar para inculcar ás novas xeracións o valor da actividade marítimo-pesqueira e deste xeito contribuír a promover a remuda xeracional. Así o sinalou hoxe en Burela na presentación deste proxecto, promovido pola Fundación Expomar ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal e financiado pola Xunta.

Os Bolechas e o mar abarca un conxunto de accións encamiñadas á recuperación e visibilización do patrimonio e cultura mariñeiros, entre elas un libro dos Bolechas no que estas personaxes viven unha xornada no porto de Burela e coñecen os oficios do mar. A iniciativa tamén inclúe eventos de sensibilización, unha actividade lúdica cos colexios de Burela e accións informativas e recibiu unha axuda do Executivo galego de preto de 15.000 euros no marco da convocatoria deste ano de apoios aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Mercedes Rodríguez explicou ademais que o proxecto tamén divulga o patrimonio relacionado co mar e é unha mostra da difusión do sector pesqueiro a través da colaboración entre entidades vencelladas a el. Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé no valor do traballo conxunto para promover o desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira e a súa diversificación.

Camiño gastronómico do mar
Ademais da presentación do proxecto Os Bolechas e o mar, a directora xeral de Pesca tamén asistiu á da iniciativa Camiño gastronómico do mar, da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP7), en colaboración con Armadores de Burela (ABSA) e a Asociación de Amigos do Camiño do Mar.

Alí Mercedes Rodríguez tamén puxo esta campaña, que se encadra no plan de produción e comercialización da OPP de Lugo, como outro exemplo de colaboración, neste caso para promover os produtos pesqueiros. Sinalou ademais que se trata dunha actividade que reflicte o bo emprego dos fondos FEMP.

Esta edición de Camiño gastronómico do mar celébrase entre o 22 de outubro e o 12 de decembro durante oito fins de semana, percorrerá 15 concellos do norte de Lugo e A Coruña -desde Ribadeo a Neda- e estará presente en 30 restaurantes participantes.

Deste xeito busca divulgar e reivindicar o Camiño do Mar, entre o Camiño Norte (Ribadeo) e o Camiño Inglés (Neda), apoiar ao sector hostaleiro desta zona e promocionar o peixe de Burela. Esta difusión realizarase a través dos locais participantes, que porán a disposición da xente unha selección das principais especies pesqueiras que representan a diferentes frotas (pescada do pincho, peixe espada, rape e chicharro).

Bandera Unión Europea