A Xunta urxe ao Goberno central a rectificar e incluír á cadea mar-industria no Perte Agroalimentario

10 de Agosto de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a conselleira do Mar visitaron a empresa Actemsa que procesa e comercializa peixes conxelados

  • O Goberno autonómico trasladou por carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación esta demanda e a preocupación da industria galega de transformación de produtos do mar
  • Diego Calvo e Rosa Quintana puxeron de relevo a necesidade de que o Executivo estatal teña en conta a este sector antes de que sexa demasiado tarde e se freen os investimentos en beneficio da industria do mar e da economía de Galicia
  • Trasladaron o apoio do Executivo galego á industria de transformación de produtos do mar, un sector que é referente en aspectos que defende o Perte Agroalimentario, como a sustentabilidade, a competitividade, a trazabilidade e seguridade alimentaria

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe a empresa Actemsa, dedicada principalmente á importación e exportación de peixe conxelado. Alí puxeron en valor o potencial da industria galega de transformación de produtos do mar, da que forma parte esta empresa, e manifestaron a preocupación de Galicia pola exclusión deste sector do Perte Agroalimentario. Neste sentido, urxiron ao Goberno central a rectificar con axilidade e a incluílo no Perte.

Estas demandas de Galicia foron trasladadas esta semana polo Goberno autonómico ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a través dunha carta na que se fai fincapé no malestar da cadea mar-industria de Galicia pola súa exclusión dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica do ámbito agroalimentario. A misiva tamén expón a inquedanza xerada por representantes do Goberno central ao afirmar de xeito erróneo que algunhas destas empresas están amparadas pola Política Agraria Común.

Nesta liña, Diego Calvo e Rosa Quintana puxeron de relevo a necesidade de que o Executivo estatal teña en conta a este sector antes de que sexa demasiado tarde e, debido á súa exclusión, se freen os investimentos en beneficio da industria do mar e da economía de Galicia.

Ademais engadiron que este feito é un despropósito máis do Goberno central coa cadea mar-industria e que evidencia a súa improvisación con este sector para o que solicitan información de primeira man por parte do Executivo estatal e certezas fronte a promesas efémeras e confusas.

A maiores, o vicepresidente segundo e a conselleira, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, trasladaron o apoio do Goberno galego á industria de transformación de produtos do mar, un sector clave na economía de Galicia pois en 2021 exportou máis de 2.400 millóns de euros en produtos do mar, cun aumento do 85% desde 2009. Ao mesmo tempo, destacaron que se trata dun sector que é referente en aspectos que defende o Perte Agroalimentario, como a sustentabilidade, a competitividade, a trazabilidade e a seguridade alimentaria.

Os representantes da Xunta tamén subliñaron que esta cuestión se produce nun momento difícil pois a ela súmase o veto no acceso ás axudas do Goberno central para compensar as perdas derivadas da suba dos custos operativos e dos efectos da guerra en Ucraína e a exclusión xenérica das grandes empresas do sector mar-industria ás achegas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).
 
Actemsa
Actividades Empresariales SA, Actemsa, é unha empresa familiar que nace en 1994 fundada por Severino Escurís Batalla, o seu presidente. Está situada na Pobra do Caramiñal, onde posúe un complexo frigorífico e unha planta de transformación de produtos do mar. Tamén presta servizos de conxelación e de asistencia técnica a empresas conserveiras e pesqueiras.

As súas instalacións teñen unha superficie de 12.000 metros cadrados e nelas utilizan cámaras frigoríficas con 25.000 metros cúbicos de capacidade de frío e teñen un tanque de conxelación en salmoira con capacidade para procesar 130 toneladas diarias, entre outros equipamentos. A esta empresa chegan especies como túnidos, que comercializa e exporta a conserveiras do mercado ibérico, da UE e de terceiros países e outras especies peláxicas como a xarda ou a sardiña e que procesa nas súas instalacións.

Ten arredor de 250 empregados e xera varios postos de traballo indirectos. A estes engádense preto de medio milleiro de profesionais da súa filial de Brasil. Ademais desenvolve o proxecto dunha nova planta na Pobra do Caramiñal que destinará á transformación de lombos de atún, o que lle permitirá incrementar a súa capacidade de cocción de túnidos.

Bandera Unión Europea