A Xunta ten en marcha apoios ao marisqueo fronte aos efectos dos temporais e adoptará medidas adicionais en caso de que sexa necesario Pestanas principais

02 de Marzo de 2021

As directoras xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª

  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro sinalou que é preciso agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos e a contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías
  • Os técnicos da Consellería do Mar traballan no seguimento das zonas nas que se rexistrou baixa salinidade das augas e desprazamento de marisco cara ás praias como consecuencia do mal tempo
  • O Executivo galego ten a disposición do sector axudas para proxectos de mellora das zonas marisqueiras e para a protección dos ecosistemas que poden empregarse para paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas
  • En canto ao caso do buque ‘Venturer’, a directora xeral de Pesca informou de que a Administración galega obtivo información puntual do estado da súa tripulación a través dos contactos mantidos co Goberno central, co Consulado General en Salvador de Bahía e coa empresa armadora

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lembrou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego os apoios postos pola Xunta a disposición do sector marisqueiro para a recuperación das súas zonas de produción ante os efectos causados polos últimos temporais. Nesta liña, sinalou que é preciso agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos e a contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías. Unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios e, en caso de que sexa necesario, o Executivo galego podería incrementar o crédito das achegas dispoñibles ou habilitar apoios adicionais para o sector.

Neste sentido, a directora xeral lembrou que a Xunta traballa no seguimento das zonas afectadas e ten a disposición do sector marisqueiro axudas que pode empregar para paliar os efectos dos últimos episodios meteorolóxicos. Unha destas liñas de achegas é para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles e conta na convocatoria deste ano cun orzamento dun millón de euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Outra liña, engadiu a directora xeral, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e conta cun orzamento de 300.000 euros na convocatoria de 2021.

Tamén citou a vía de apoios que permite ás confrarías de pescadores a contratación de técnicos para colaborar na avaliación e seguimento dos plans de xestión dos recursos marisqueiros e salientou que preto do 100% dos plans contan con este asesoramento técnico. A maiores, Susana Rodríguez especificou que a Consellería do Mar realiza tamén a través de encomendas, traballos de rexeneración en zonas de libre marisqueo ou zonas con actuacións non cubertas polas ordes de axudas.

En canto aos efectos dos temporais nos moluscos, a directora xeral destacou que se trata dun fenómeno habitual e unha consecuencia natural dos períodos de intensas precipitacións, sobre todo nos lugares máis próximos ás desembocaduras dos ríos e con menor profundidade.

‘Venturer’
En relación ao caso do buque Venturer, que estivo en corentena no porto de Salvador de Baía con tripulantes afectados pola covid-19 e que agora continúa coa súa actividade habitual tras dar negativo os seus tripulantes, a directora xeral de Pesca informou de que desde o coñecemento do caso a Xunta se puxo en contacto co Goberno central e co Consulado General en Salvador de Bahía. A través destes contactos, o Goberno galego obtivo información puntual do estado da tripulación e das previsións ao respecto da súa atención. Tamén estivo en contacto coa empresa armadora, coa que confirmou a súa comunicación cos tripulantes e disposición a atender ao mariñeiro que estivo hospitalizado na súa estadía en Brasil e que actualmente está de regreso na súa residencia en Galicia.

 

Bandera Unión Europea