A Xunta subvenciona ata o 50% das melloras que realicen as pemes de transformación que fomenten a pesca e acuicultura sustentables

09 de Febreiro de 2018
A Consellería do Mar destina preto de 13 millóns de euros á convocatoria de 2018 destas axudas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da empresa Conxelugo
  • Teñen como obxectivo apoiar investimentos das pemes que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo, entre outros aspectos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou hoxe que a Consellería do Mar subvenciona ata o 50% das melloras que realicen as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura e que fomenten a sustentabilidade ambiental. Fíxoo en Rábade, durante a visita a empresa de transformación de produtos do mar Conxelugo, un exemplo deste tipo de pemes.

Alí a conselleira, que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tamén sinalou que a Xunta destina preto de 13 millóns de euros á convocatoria de 2018 destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Neste sentido, subliñou que a orde da convocatoria foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia e que está aberto o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo explicou Rosa Quintana, estas achegas teñen como obxectivo apoiar investimentos que realicen as pemes e que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente. Tamén aquelas accións que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as súas condicións de traballo e os investimentos que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros aspectos.

Ademais lembrou que das convocatorias de 2016 e 2017 desta orde de axudas beneficiáronse arredor de 80 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de 12 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

Conxelugo
Conxelugo é unha peme que conta con 14 empregados, naceu no 2014, está ubicada no polígono industrial de Rábade e dedícase á fabricación, elaboración e transformación de produtos procedentes da pesca e acuicultura. Tamén se dedica ao comercio ao por maior destes produtos así como a súa distribución.