A Xunta reforzará a aposta pola remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro para garantir a súa competitividade

10 de Decembro de 2020
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu no Parlamento para informar das previsións e liñas de actuación do seu departamento nos próximos anos
  • A titular de Mar explicou que o seu departamento reforzará a súa aposta pola xente do mar e pola cogobernanza co sector para manter a súa fortaleza e a xeración de emprego e riqueza nas zonas costeiras
  • O Executivo galego ve necesario enxalzar o traballo no mar e dalo a coñecer para demostrar que ten futuro e facelo máis atractivo para as novas xeracións
  • Rosa Quintana salienta que a formación dos novos profesionais do complexo mar-industria é crucial para manter a competitividade e subliña a transcendencia de seguir avanzando na Formación Profesional dual
  • Galicia demanda seguridade xurídica para as empresas de transformación e comercialización de produtos do mar asentadas nas franxas costeiras para que poidan programar os seus investimentos e o seu traballo a longo prazo
  • A comunidade galega defende un acordo sobre o brexit que manteña o ‘statu quo’ na pesca, con libre acceso da frota europea a augas británicas e dos produtos pesqueiros do Reino Unido ao mercado comunitario

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, detallou hoxe no Parlamento de Galicia as liñas de actuación do seu departamento nos vindeiros anos e explicou que volverán a ter como prioridade o traballo por e para as persoas do mar, co obxectivo de garantir a competitividade do sector marítimo-pesqueiro galego e que siga sendo un referente internacional. Para logralo, subliñou, é fundamental acadar a remuda xeracional nas distintas ramas de actividade pois iso permitirá preservar a súa fortaleza e manter a xeración de emprego e riqueza nas localidades costeiras.

A representante do Executivo galego sinalou que feitos como a alerta sanitaria pola covid-19 serven para lembrar a importancia de centrar a xestión nas persoas e de impulsar o tecido económico apostando por elas, como sempre fixo a Xunta promovendo a cogobernanza co sector. Neste sentido, a titular de Mar indicou que é necesario defender o orgullo de traballar no mar así como facer un esforzo en dalo a coñecer para que sexa máis atractivo para as novas xeracións e que vexan que no mar tamén hai futuro.

Rosa Quintana indicou que o obxectivo debe ser aumentar o número de tripulantes dos barcos pesqueiros, afianzar a entrega de novos permex para o marisqueo e favorecer a incorporación de profesionais a outras ramas de actividade do complexo mar-industria. Para logralo, salientou, é fundamental renovar os barcos e mellorar a habitabilidade a bordo así como optimizar as comunicacións con terra, unhas medidas que deben executarse a través do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura (Fempa) pois non teñen por que implicar un aumento da capacidade de pesca ao estar xa limitado o esforzo polos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas.

Pero a renovación da frota, lembrou a titular de Mar, non é unha solución por si mesma para o sector e destacou o valor crucial de apostar polas persoas mediante a formación, tendo en conta que a súa capacitación é a que vai facer que eses buques sexan competitivos. Nesta liña, incidiu en que o sector require experiencia e práctica, polo que Galicia xa está a traballar na ampliación da Formación Profesional dual ao conxunto de centros de formación dependentes da Consellería do Mar.

Rosa Quintana remarcou que esa aposta polas persoas se vai estender a outras actividades como o marisqueo ou as redeiras e salientou que Galicia xa está a traballar para que así sexa recollido na próxima reforma da Política Pesqueira Común (PPC), e que buscará o referendo do Consello Galego de Pesca para acudir a Europa con propostas e demandas no eido social para conseguir esa axeitada remuda xeracional e un nivel de vida e ingresos digno.

Reforzo da cogobernanza
A política pesqueira dos vindeiros anos, remarcou, seguirá estando marcada pola cogobernanza, afianzando o contacto co sector en todos os eidos para mellorar a protección dos profesionais do mar e acadar avances que faciliten o seu traballo. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar está a traballar nun plan de acción da pesca costeira artesanal con horizonte en 2030, co que facer máis competitivo o sector, e nun plan de acción do marisqueo tamén de cara á próxima década coa finalidade de garantir unha explotación sostible e a conservación dos recursos marisqueiros.

En ambos casos o seu deseño realízase tendo en conta a investigación e o coñecemento da actividade así como outros aspectos económicos e sociais, a diversificación de actividades, o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro e a promoción, difusión e imaxe dos seus produtos. No caso do marisqueo, as accións buscarán afondar na rexeneración de zonas improdutivas, ampliar a produción de semente e potenciar o semicultivo sen descoidar o saneamento das rías e a potenciación das canles comerciais dos moluscos bivalvos.

A conselleira do Mar subliñou ademais que Galicia non pode nin quere renunciar ao seu liderado no eido acuícola e defendeu a potencialidade deste sector ao tempo que aclarou que o seu desenvolvemento debe ser compatible coa conservación do medio e co seu aproveitamento pesqueiro e marisqueiro. Para avanzar neste ámbito co horizonte de 2030, explicou, é preciso guiarse polo rumbo marcado na Estratexia Galega de Acuicultura, planificando e xestionado a actividade acuícola da man do sector, defendendo a máxima garantía de compatibilidade e respecto ambiental das explotacións.

Nesta liña, a representante da Xunta lembrou que o mexillón segue a ser a xoia da coroa do sector e remarcou que Galicia seguirá a potenciar o seu cultivo reforzando a súa trazabilidade e favorecendo a innovación no sector optimizando o aproveitamento dos fondos europeos e aumentando o valor engadido obtido por estes produtos.

Transformación dos produtos do mar
Como patas importantes do complexo mar-industria de Galicia, Rosa Quintana tamén nomeou os sectores conserveiro e do conxelado. No caso do primeiro, indicou, o obxectivo é actualizar e renovar o Plan Estratéxico da Conserva de 2020, para levalo ata 2030, e no caso do conxelado, a Xunta aposta por redactar conxuntamente o Libro Verde do Conxelado en Galicia. Non obstante, subliñou a titular de Mar, toda a planificación das actividades das empresas que transforman e comercializan os produtos do mar, especialmente daquelas asentadas nas franxas costeiras, deben contar con seguridade xurídica para programar os seus investimentos e o seu traballo coa maior antelación posible.

Mellora na comercialización
Co obxectivo de mellorar os resultados na venda dos produtos do mar, o Executivo galego tamén traballa na reorientación do sistema comercial marítimo-pesqueiro para adecualo á situación social e produtiva derivada da crise pola covid-19 partindo de tres eixos: a organización da oferta, a adecuación da oferta á demanda e o estímulo do consumo. Precisamente, neste último aspecto, a pretensión é dinamizar o consumo de peixe e marisco reformulando as campañas de promoción destinadas ás nenas e nenos e avanzando nas accións destinadas a persoas adultas.

Todo isto sen esquecer apostas blindadas para a Consellería do Mar como son o desenvolvemento de ciencia aplicada desde os centros científicos e de investigación -o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e a Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB)-, chaves para estudar o estado dos recursos e velar polas condicións hixiénico-sanitarias dos produtos do mar. Tamén é unha aposta firma a continuidade dos avances en seguridade marítima e a loita contra a contaminación mariña -impulsando accións de concienciación sobre o impacto do lixo mariño- ou a mellora constante das infraestruturas portuarias para facilitar o traballo diario dos usuarios e atraer novos tráficos con accións como as previstas con motivo da celebración do Xacobeo 2021.

A conselleira do Mar tamén abordou outros asuntos de actualidade no ámbito marítimo-pesqueiro como o deseño do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura (Fempa), cuxo acordo nos trílogos debe facelo máis simple e áxil para facilitar o acceso do sector aos seus fondos. Uns recursos que, salientou, deben estar adaptados tamén á estratexia comunitaria sobre a Economía Azul para impulsar o desenvolvemento das actividades vencelladas co mar e xerar riqueza e emprego nas zonas costeiras.

Brexit
En canto ao brexit, a representante do Executivo galego lembrou que Galicia elaborou desde o primeiro momento informes para defender os seus intereses ante as distintas autoridades e fíxoos valer en distintas xuntanzas coas institucións europeas para que a pesca non fose empregada como moeda de cambio na negociación. Ante o abandono da Unión Europea por parte do Reino Unido, a Xunta defende un acordo que supoña manter o statu quo mediante o acceso ás augas británicas por parte da frota europea e ao mercado comunitario por parte dos produtos pesqueiros do Reino Unido. De non ser así e pecharse a negociación sen acordo, Galicia xa pediu ao Estado que poña en marcha medidas de continxencia como a creación de puntos de inspección fronteiriza en portos como Burela e Celeiro para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade con total normalidade.