A Xunta reclama que calquera pacto co Reino Unido inclúa que a frota galega poida faenar en augas británicas tras a súa saída da UE

26 de Setembro de 2019
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), para abordar as medidas de continxencia ante o desenlace do Brexit
  • Solicitou información ao Goberno central sobre as medidas de reciprocidade que acorde co Goberno británico

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe en Madrid na reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), que tivo como obxectivo principal abordar o deseño de medidas de continxencia ante o Brexit. En relación á pesca e ante a posible retirada dos caladoiros británicos da frota, Galicia reclama que de producirse un Brexit duro cunha saída en novembro sen acordo da Unión Europea se arbitre un mecanismo nas medidas de continxencia entre o Reino Unido e a UE que inclúa que a frota europea, e por tanto a galega, poida seguir faenando en augas británicas.

Galicia, como primeira rexión pesqueira de Europa coa presenza de 150 buques en augas británicas, ten especial preocupación neste ámbito. Por iso, durante o encontro, presidido pola vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, o vicepresidente da Xunta defendeu tamén que, de producirse un Brexit duro e sen acordo que permita aos barcos faenar, as axudas para os pescadores afectados deberían habilitarse a través de fondos novos. Galicia non ve acertado que as compensacións ao sector pesqueiro, se se dese esa situación, se fagan a cargo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, porque suporía detraer recursos que xa están asignados e cubrindo necesidades moi importantes.

A Xunta tamén solicitou ao Goberno central estar ao corrente da información sobre as medidas de reciprocidade que acorde co Goberno británico para coñecer se o Reino Unido garante servizos como a asistencia sanitaria aos españois e galegos que residen, alí da mesma forma que os británicos os reciben en Galicia a través do Executivo autonómico.

O vicepresidente da Xunta destacou ademais que hai que renovar ou ampliar as medidas de continxencia coas que evitar consecuencias negativas aos cidadáns galegos e españois e garantir os dereitos dos españois no Reino Unido, onde residen 14.000 galegos.