A Xunta promove un plan de recuperación do patrimonio marítimo-cultural no litoral do concello de Outes

02 de Marzo de 2019
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do `Estudo do bordo litoral desde a enseada de Broña a Punta Barquiña no concello de Outes'
  • O estudo coordinado polo arquitecto Óscar Fuertes cataloga 22 estruturas do patrimonio marítimo do concello de Outes como antigas rampas, diques, casetas de pescadores ou estaleiros tradicionais
  • Rosa Quintana destacou que este traballo abre a porta ao desenvolvemento de iniciativas para recuperar o valor patrimonial da zona e o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro como vía para financiar proxectos
  • Na convocatoria deste ano de axudas a proxectos dos GALP a Xunta pon a disposición máis de 22,6 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a distribuír en tres anualidades

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o labor realizado polo arquitecto Óscar Fuertes e o seu equipo no Estudo do bordo litoral desde a enseada de Broña a Punta Barquiña no concello de Outes, que contou co apoio da Consellería do Mar. Este traballo, explicou a titular de Mar, pon en valor diferentes construcións do litoral desta zona, como antigas rampas, diques, casetas de pescadores ou estaleiros tradicionais, que amosan unha parte do pasado da Galicia mariñeira.

Con este fin, o estudo presentado hoxe en Outes cataloga 22 estruturas do patrimonio marítimo que se atopan neste concello. Neste sentido, a titular de Mar destacou esta zona como paradigma da conservación deste tipo de construcións na costa galega e enxalzou a valía deste estudo, xa que establece liñas de actuación para poder garantir a súa protección.

Segundo sinalou Rosa Quintana, esta posta en valor do patrimonio marítimo e a súa recuperación é un obxectivo polo que traballa a Consellería do Mar, de aí, sinalou, o apoio a este traballo. A esta aposta por manter vivo o acervo vinculado ao mar, engadiu, o Goberno galego tamén dá pulo a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro, aos que se poden presentar proxectos de recuperación de instalacións como as que propón o estudo do bordo litoral de Outes.

Estaleiro tradicional de Ciprián

Nesta liña, a conselleira destacou que o estudo coordinado por Óscar Fuertes abre a porta ao desenvolvemento de proxectos para recuperar o valor patrimonial da zona. Neste eido a conselleira puxo como exemplo o antigo estaleiro tradicional de Ciprián, en Broña, unha das instalacións catalogadas no estudo e que foi adquirida polo concello, que solicitou unha axuda a través do GALP Costa Sostible para a súa rehabilitación.

Esta infraestrutura, visitada pola conselleira despois da presentación do estudo, é unha das case 40 carpinterías de ribeira que chegaron a existir en Outes. Foi construída nos anos 40 polos carpinteiros da familia Domínguez e ata o ano 1951 construíronse nel barcos de ata 35 metros de eslora. Despois, e ata o seu peche a finais dos anos 60, seguiu funcionando coa construción de embarcacións menores.

O papel dos GALP

Rosa Quintana tamén puxo de relevo o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) como vía para financiar proxectos que fomenten o patrimonio das zonas pesqueiras. Aos proxectos destes grupos a Xunta destina na convocatoria de axudas deste ano máis de 22,6 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a distribuír en tres anualidades.

Nesta convocatoria, lembrou a titular de Mar, introdúcense novidades para favorecer a actividade dos grupos. Unha delas é a exixencia de que as axudas de minimis impliquen, polo menos, a creación dun posto de traballo a tempo completo.

Outra modificación é o aumento do período de presentación de solicitudes de achegas, que estará aberto permanentemente ata o 1 de marzo 2021. Tamén contempla maiores facilidades para os promotores na tramitación das axudas e o traspaso de orzamento sobrante dos grupos que teñen menos proxectos a outros para os que os fondos son insuficientes.

Por último, Rosa Quintana animou ao sector e ao concello a presentar proxectos ao GALP da zona que sirvan para impulsar, recuperar e protexer o patrimonio cultural desta zona da costa galega.