A Xunta presenta ao sector pesqueiro os dous informes sobre os efectos do acordo do brexit que guiarán a estratexia de defensa de Galicia

20 de Febreiro de 2021

A conselleira do Mar presidiu por videoconferencia o Consello Galego de Pesca 

Conselleira do Mar
  • Un deles é sobre as implicacións xurídicas, foi elaborado polo Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga e considera que o acordo comercial pode ser obxecto de control xudicial polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea
  • O outro foi realizado pola Fundación MarInnLeg, analiza a incidencia na actividade pesqueira e analiza de forma pormenorizada os contidos do acordo en materia de pesca, comercio de produtos do mar, protección de investimentos e igualdade de condicións na actividade económica marítimo-pesqueira
  • Estas análises serán estudadas polo miúdo no grupo de traballo que se acordou crear no seo do Consello Galego de Pesca para concretar as accións a desenvolver desde a comunidade galega ante os efectos do acordo do brexit
  • Galicia considera moi negativo a curto, medio e longo prazo o acordo acadado sobre o brexit pois, entre outros aspectos, suporá que a frota británica non se vexa sometida a normativas comunitarias como a obriga de desembarque

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Pesca no que se presentaron os dous informes que a Xunta encargara sobre o impacto do acordo de comercio e cooperación do brexit. Ambos documentos, lembrou a conselleira, guiarán a estratexia de Galicia para facer fronte aos efectos do acordo que a comunidade galega considera moi negativo para o eido marítimo-pesqueiro.

Un dos informes é sobre as implicacións xurídicas do acordo e foi encargado ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e presentado polo director do centro, José Manuel Sobrino. O outro é de carácter técnico-administrativo sobre a incidencia que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros, foi realizado pola Fundación MarInnLeg e presentado pola xerente desta entidade, Annina Bürgin.

Por unha banda, o informe do Instituto Salvador de Madariaga considera que o pacto de comercio e cooperación entre a Unión Europea e o Reino Unido, que se está aplicando provisionalmente, pode ser obxecto de control xudicial polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Nesta liña esboza dous escenarios, un de control previo á ratificación e outro a posteriori.

En canto ao control previo á ratificación, o informe destaca a posibilidade de solicitar por parte do Parlamento Europeo ou de España como Estado membro un ditame consultivo ao TXUE sobre a compatibilidade do acordo co dereito europeo. De adoptarse esta opción debería realizarse con urxencia, dado o próximo debate da ratificación do acordo no Parlamento Europeo.

En relación ao control despois da ratificación e unha vez entrado en vigor o acordo, o documento especifica que este pode instarse tanto por parte das institucións europeas e Estados membro como por parte das persoas físicas e xurídicas. Neste caso o control focalizaríase na decisión do Consello relativa á ratificación do acordo comercial do brexit. Se o TXUE estima que a decisión é contraria ao dereito da UE, podería anulala ou declarar a súa invalidez. Se isto se producise, as institucións europeas deberían suprimir as incompatibilidades entre o acordo e o dereito europeo.

Por outra banda, o informe elaborado pola Fundación MarInnLeg analiza aspectos relativos á igualdade de condicións no ámbito comercial, é dicir, ao level playing field e sinala a posibilidade de adoptar medidas correctoras dentro da relación bilateral entre a UE e o Reino Unido no caso de que a actuación dalgunha das partes teña efectos negativos sobre o comercio. En relación á pesca, o documento subliña a importancia fundamental das relacións bilaterais que hai entre o Reino Unido e Noruega ou con Islandia. Ademais advirte da necesidade de estudar en profundidade o contido do acordo do brexit relativo á xestión pesqueira no arquipélago noruegués de Svalbard, pois aborda un reparto das cotas de bacallau nestas augas entre a Unión Europea e o Reino Unido.

Grupo de traballo
Os contidos destes informes serán analizados polo miúdo no seo do Consello Galego de Pesca para concretar as accións a desenvolver desde Galicia ante os efectos do acordo do brexit. Isto realizarase no marco dun grupo de traballo que se acordou crear para establecer as prioridades do sector pesqueiro galego neste eido para os vindeiros exercicios.

Ao mesmo tempo, a Xunta xa solicitou unha reunión coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, para trasladarlle o impacto que o acordo ten en Galicia e os informes presentados hoxe no Pleno do Consello Galego de Pesca. No ámbito europeo, Galicia xa está a traballar co Comité das Rexións e coas comunidades e rexións do Arco Atlántico na busca de aliados para avaliar e reconducir esta situación posto que a clave está en seguir actuando unidos no seo da Unión Europea.

A folla de ruta deseñada por Galicia para actuar ante o brexit dá resposta a un acordo que a comunidade considera moi negativo tanto a curto como a medio e longo prazo para o sector. Nesta liña hai que lembrar que, ao impacto directo que ten o acordo na frota galega, súmanse outros aspectos como que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque. Ao mesmo tempo, o Reino Unido non terá que aplicar medidas de redución do esforzo pesqueiro para garantir a sustentabilidade dos recursos e incluso podería incrementar a súa frota posto que contará con máis cotas que en 2020 grazas ao 25% das posibilidades de pesca europeas cedidas polo Executivo comunitario coa finalidade de chegar a un acordo.

Outro asunto abordado na reunión telemática do Consello Galego de Pesca foi a situación e as dificultades que se atopan a frota palangreira de superficie e a cadea mar-industria dependente dela no desenvolvemento da súa actividade. Tamén se analizou a resolución do Parlamento Europeo con medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por enriba do rendemento máximo sustentable (RMS).

Bandera Unión Europea