A Xunta participa no pleno do Consello Español de Turismo onde se levou a cabo un seguimento dos fondos e do Plan de Recuperación

03 de Xuño de 2022

A directora de Turismo de Galicia,Nava Castro, asistiu hoxe en Madrid á reunión no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

  • Nava Castro destacou a posta en marcha do Plan Xacobeo Next Generation, que destina 22,7 millóns aos Bens de Interese Cultural, 8,3 millóns para á acción de cohesión en destino e 8,1 millóns para plans de sostenibilidade

Madrid, 3 de xuño de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no pleno do Consello Español de Turismo (Conestur), no que se abordaron como temas principais a Estratexia de Turismo Sostible 2030 e o estado da situación dos programas do 14 Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Nava Castro indicou que o sector turístico galego está chamado a ser o motor da recuperación socioeconómica, polo que dende a Xunta estase traballando para fomentar a reactivación do sector. Así, puxo en valor a posta en marcha do Plan Camiña co obxectivo de seguir reactivando o sector con aportacións directas para a adaptación dos negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século XXI e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da nosa comunidade. Ademais dos 21,6 millóns específicos para o tecido empresarial, o Plan Camiña destina 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 máis para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacou que o tecido turístico galego poderá beneficiarse do Plan Xacobeo Next Generation, que destina 22,7 millóns á posta en valor de 12 monumentos catalogados como Bens de Interese Cultural, ademais de 8,3 millóns para á acción de cohesión en destino e 8,1 millóns máis para plans de sostenibilidade turística en destino.

Neste senso, salientou a Estratexia de Sostenibilidade Turística en Destino 2022: Enogastronomía, mediante a cal a Xunta está a impulsar no marco do desenvolvemento da Estratexia de Sostenibilidade Turística en Destino, cun financiamento de 31,7 millóns de euros de fondos europeos.

A directora de Turismo de Galicia indicou que tanto as acciones de Cohesión en Destino (ACD) como os Plans de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) están aliñados cos obxectivos fixados na Estratexia xeral de transición verde e sostible, eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade.

Para rematar, Nava Castro destacou a aposta dende a Xunta de Galicia pola diversificación e desestacionalización da oferta turística, con medidas como o Bono Turístico de Galicia ou a aposta polo turismo termal, con axudas ao sector de 1,3 millóns de euros.

O Consello Español de Turismo (Conestur) está integrado por representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e das comunidades autónomas, ademáis de membros das corporacións locais, FEMP, CEOE,CEIM, UGT, CCOO, Cámaras de Comercio, asociación do sector e operadores turísticos, entre outros.