A Xunta participa na inauguración da exposición fotográfica que presenta no Paseo das Avenidas de Vigo os resultados do Programa Pleamar

27 de Febreiro de 2024

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, e a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, percorreron a mostra organizada pola Fundación Biodiversidad coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo

 

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, asistiron este martes á inauguración da exposición fotográfica na que se amosan os resultados do Programa Pleamar. Acompañadas pola subdirectora para a Transición Verde da Fundación Biodiversidad, Sonia Castañeda, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, as representantes autonómicas realizaron un percorrido pola mostra organizada pola fundación coa colaboración do Porto de Vigo.

A exposición “Sete anos de proxectos para impulsar a sustentabilidade da pesca e acuicultura” ofrece un percorrido fotográfico que mostra os principais resultados dos proxectos do Programa Pleamar correspondentes ao período 2014-2020, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e cuxa itineración está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Esta mostra, que se sitúa no Paseo das Avenidas de Vigo, pretende achegar á cidadanía os importantes resultados e avances realizados en materia de preservación dos ecosistemas mariños e de impulso da sustentabilidade pesqueira e acuícola, grazas ao cofinanciamento dos Fondos Europeos.

Durante a xornada presentouse tamén o novo Programa Empleaverde+ e a súa convocatoria de subvencións para a adquisición ou mellora de competencias para a transición ecolóxica, cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), dotada con ata 30 millóns de euros, que se publicará proximamente e apoiará proxectos de capacitación que dean resposta aos retos e oportunidades vinculados a esta transición.

Finalmente, celebrouse a mesa redonda “Fomento e impulso da capacitación para a transición ecolóxica na economía azul: o Programa Pleamar e o Programa Empleaverde”, onde representantes de proxectos apoiados en anteriores convocatorias, como a Autoridade Portuaria de Vigo, puideron expoñer resultados e analizar as sinerxias entre proxectos de ambas convocatorias para fomentar a capacitación para impulsar a sustentabilidade da pesca e a acuicultura no ámbito da economía azul sostible.

Bandera Unión Europea