A Xunta outorga 5,9 M€ a 16 empresas do Salnés para proxectos de transformación de produtos do Mar

17 de Decembro de 2021

O delegado territorial, Luis López, informa da resolución desta convocatoria da Consellería do Mar, que mobilizará 12,5 M€ na comarca arousá, nunha visita á industria Conservas Dardo xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán

  • Os proxectos subvencionados benefician a 6 firmas de Sanxenxo, 3 de Vilanova, 2 de Cambados e O Grove e unha da Illa, Ribadumia e de Vilagarcía e oriéntanse a melloras tecnolóxicas, novos produtos, aumento da capacidade produtiva, accións ambientais ou eficiencia enerxética
  • A conserveira de Vilanova, con 52 anos de historia, é beneficiaria desta liña para continuar co proceso de modernización emprendido en 2019 e centrarase na mellora dos procesos de depuración e o impulso das liñas de empaquetado
  • “A Xunta ten un compromiso enorme co desenvolvemento do mar, pola súa importancia económica e social, e especialmente coa bisbarra do Salnés, que recibe o 30% das achegas para transformación de toda Galicia”, sinalou o representante autonómico

A Xunta, a través da Consellería do Mar, vén de outorgar 5,9 millóns de euros en axudas a 16 empresas da bisbarra do Salnés para o desenvolvemento de proxectos de transformación e comercialización de produtos do mar que, no caso da comarca arousá, mobilizarán 12,5 millóns de euros no marco do proceso de modernización do sector.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da resolución desta nova convocatoria de apoio ao desenvolvemento das industrias do mar nunha visita á empresa Conservas Dardo, beneficiaria desta liña de axudas cunha achega de 183.000 euros orientada á implantación de procesos de minoración de residuos e impulso de novos produtos. Na súa visita estivo acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán.

“A Xunta ten un compromiso enorme co desenvolvemento do noso mar, tanto para manternos no rango do liderado mundial como pola súa importancia económica e social en toda a costa galega, e esa sensibilidade é especialmente intensa na bisbarra do Salnés, que é unha das xoias da coroa pola calidade do produto e que recibe o 30% das achegas para transformación de toda Galicia”, sinalou o representante autonómico. Nesta convocatoria, engadiu, impúlsanse 57 proxectos con axudas por 20,9 millóns de euros en toda a comunidade.

No caso da bisbarra do Salnés, as industrias beneficiarias -todas as que presentaron solicitude e cumprían cos requisitos esixidos polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- son Pescadona (A Illa de Arousa), Conservas Cermar e Costas y Miñán (Cambados), Guiomar Uno e Piñeirón (O Grove), Conservas de Cambados con dúas axudas (Ribadumia), Mariscos Malliño, Ailla Pasteurizados, Moluscos Rías Baixas, Pasteurizados Cíes, Moluscos Ven do Mar e Leiro e Hijos, tamén con dúas axudas (Sanxenxo), Mariscos Sálvora (Vilagarcía) e Conservas Antonio Pérez Lafuente, Conservas Dardo e Serpeixe (Vilanova).

Os proxectos de investimentos subvencionados pola Consellería do Mar ao abeiro desta orde céntranse nas melloras tecnolóxicas e sanitarias, a implantación de novas liñas de procesos e produtos, a mellora das instalacións, o aumento da súa capacidade produtiva, o desenvolvemento de accións ambientais, a eficiencia enerxética, os procesos de seguridade, xestión e organización ou a construción de equipamentos.

“É un orgullo comprobar como as grandes industrias do mar de Galicia queren seguir mellorando, progresando, medrando e modernizándose para manter o liderado da nosa comunidade no sector e o fan preservando a máxima calidade do produto e o respecto á tradición, ao sabor e á saude. Nese camiño van ter, sempre, o máximo apoio da Xunta de Galicia”, concretou Luis López.

Melloras en Conservas Dardo
En canto á visita a Conservas Dardo, o delegado territorial interesouse polo seu novo proxecto de transformación e mellora tras o realizado, tamén con axuda da Consellería do Mar, no ano 2019 e que se orientou principalmente ao aumento da súa capacidade produtiva.

Nesta ocasión, a industria de Vilanova vai optimizar os procesos de depuración coa implantación dun sistema de limpeza por escuma e tamén vai desenvolver melloras nas liñas de empaquetado de produtos, peche de latas e do loteado.

“Conservas Dardo é unha gran empresa, con máis de 50 anos de historia, que superou moitas vicisitudes, especialmente o lume que arrasou as súas instalacións hai 25 anos, e que está sempre en constante evolución coa mellora de procesos e incluso coa elaboración dunha gama gourmet”, sinalou Luis López.

A empresa adícase principalmente á comercialización de mexillón en conserva con receitas tradicionais en escabeche, aínda que tamén con outras coberturas, e que dispón na súa oferta de liñas de ameixas, berberechos, túnidos, navallas, sardiñas ou agullas, entre outras.