A Xunta optimiza a transformación dixital das súas xestións pesqueiras cun investimento de preto de 4 millóns de euros

08 de Agosto de 2021

A Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia amplían a dotación e a vixencia do acordo asinado en 2019 para o financiamento de sistemas de promoción, mellora da comercialización e trazabilidade dos produtos do mar

Consellería do Mar
  • Entre as accións que se desenvolverán ao abeiro deste protocolo están plataformas para facilitar a xestión informatizada e dar resposta ás necesidades de diferentes departamentos da Consellería do Mar
  • O convenio permitirá desenvolver sistemas de información das axudas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para facilitar a súa tramitación
  • Esta colaboración permite avanzar en outros eidos como o seguimento da actividade pesqueira, o rexistro de buques da comunidade, o sistema de licenzas da pesca deportiva, os trámites do sector acuícola ou a planificación de eventos feirais

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinaron unha addenda ao acordo de colaboración asinado en 2019 entre ambos organismos que permitirá ampliar ata os 3,7 millóns de euros o financiamento destinado a optimizar os sistemas de información da Administración galega vencellados coa xestión pesqueira. O convenio permitirá desenvolver distintos proxectos tecnolóxicos relacionados coa promoción, a mellora da comercialización e a trazabilidade dos produtos pesqueiros.

Entre os proxectos incluídos no acordo, que ampliará o seu período de vixencia ata xuño de 2023, atópanse novas plataformas para facilitar a xestión informatizada e a transformación dixital coa finalidade de dar resposta ás necesidades dos diferentes departamentos da Consellería do Mar.

Como resultado da ampliación do acordo desenvolveranse sistemas de información e xestión das axudas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) co obxectivo de dar soporte á xestión das subvencións. Esta acción incluirá ferramentas para a tramitación electrónica de todos os procedementos administrativos vencellados con esta actividade así como un módulo de explotación de datos que dea soporte ás necesidades de información particulares.

Ademais do portal de difusión das políticas financiadas e xestión das axudas do FEMP, o acordo permite a creación dunha aplicación de xestión das autorizacións de primeira venda de produtos do mar e un sistema de xestión dos mecanismos previstos pola Organización Común de Mercados (OCM) así como o soporte das denominacións comerciais asociadas. A eles engádese un sistema de apoio na tramitación dos procedementos relacionados cos establecementos de acuicultura como as concesións, autorizacións, outorgamentos, prórrogas, traslados ou habilitacións.

O convenio tamén permite dispoñer de ferramentas de xestión da pesca fresca e conxelada, que inclúe o acceso en mobilidade aos documentos de trazabilidade dos produtos do mar, e o desenvolvemento de mecanismos de promoción dos produtos do mar a través de portais e plataformas asociadas, aplicacións e redes que acompañan ás campañas, como a vencellada á marca de calidade pescadeRías, de onde se non?.

O contido do acordo tamén afecta aos servizos dixitais doutras xestións como a planificación dos eventos feirais, o rexistro de buques da comunidade autónoma, o sistema de licenzas da pesca deportiva ou distintos sistemas de carteis dixitais para a xestión remota de contidos de promoción de produtos do mar, entre outros.

Bandera Unión Europea