A Xunta investiu máis de 6 millóns de euros no último lustro en apoios a melloras da frota e das súas condicións co fin de impulsar a remuda xeracional

15 de Xullo de 2022

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª 

  • Antonio Basanta puxo de relevo a boa aceptación destas achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca pois o número de solicitudes incrementouse nas últimas dúas convocatorias
  • Explicou que coas axudas a propietarios de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable a Xunta financia actuacións para limitar o impacto da pesca no medio mariño, a mellora das condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e a eficiencia enerxética, entre outros aspectos

 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe que a Xunta investiu desde 2016 máis de 6 millóns de euros en preto de 360 axudas a melloras da frota e das súas condicións co fin de impulsar a remuda xeracional. Nesta liña, Antonio Basanta puxo de relevo o incremento da aceptación destas achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca pois o número de solicitudes incrementouse nas últimas dúas convocatorias e os proxectos concedidos tamén foron aumentando desde o inicio do FEMP.

Ademais o director xeral explicou que as axudas a propietarios de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable teñen como obxectivo fomentar actuacións destinadas a limitar o impacto da pesca no medio mariño e para protexer as especies.

Tamén teñen como obxecto as iniciativas que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e aquelas relacionadas coa eficiencia enerxética, o cambio de motores e a mitigación do cambio climático. Outros investimentos que se apoian con estas achegas son aqueles que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas.

Deste xeito, ampliou, fináncianse actuacións como a modernización de buques, o subministro e instalación de hélices de manobra e a reforma das estruturas de abrigo na cuberta. Tamén equipamentos para os buques como dispositivos de salvamento e loita contra lumes, traxes de supervivencia, equipamentos de navegación ou adaptacións en instalacións para mellorar as condicións hixiénicas así como dispositivos radioeléctricos de comunicación por satélite e a implantación de sistemas wifi a bordo, permitindo a conexión diaria con terra. En relación ás axudas deste eido destinadas aos tripulantes lembrou que están destinadas á adquisición do seu primeiro buque de pesca.

Bandera Unión Europea