A Xunta investirá 37 millóns de euros ata 2020 para recuperar e mellorar hábitats mariños

29 de Xaneiro de 2018
Rosa Quintana especificou que se rexenerarán 10 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros que perderon a súa potencialidade produtiva e para ese cometido destinaranse catro millóns de euros
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, interviu no almorzo informativo Fórum Europa-Tribuna Galicia, celebrado en Santiago
  • Fixo fincapé en que desde a súa chegada ao Goberno, recuperáronse xa máis de 11 millóns de metros cadrados de superficie grazas á inversión de arredor de sete millóns de euros e ao traballo das confrarías e entidades asociativas
  • Resaltou tamén que desde o 2009 as posibilidades de pesca aumentaron en 80.000 toneladas máis, o que se traduciu nun crecemento económico de 210 millóns de euros
  • Enxalzou o traballo conxunto do sector, dos científicos e da administración feito ata agora e animou a seguir traballando nesa liña co obxecto de unir forzas no equilibrio dos aspectos ambientais, económicos e sociais
  • Incidiu en que seguirá dando a batalla en Bruxelas en retos como o Brexit ou a obrigatoriedade de desembarque para negocialos da maneira que resulte máis beneficiosa para a nosa frota

A Consellería do Mar investirá 37 millóns de euros ata 2020 para recuperar e mellorar os hábitats mariños galegos. Así o explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no marco do almorzo informativo Fórum Europa-Tribuna Galicia celebrado esta mañá en Santiago de Compostela. A conselleira sinalou que esta é unha liña prioritaria do seu departamento para esta lexislatura e trasladou que se fará ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, co obxecto de “recuperar a biodiversidade a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos do mar e dos seus ecosistemas, fomentando a sensibilización ambiental”.

Nesta liña, a conselleira especificou que dos 37 millóns, catro deles dirixiranse á rexeneración de 10 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros que perderon a súa potencialidade produtiva, que se virían a sumar aos máis de 11 millóns de metros cadrados de superficie recuperados desde o ano 2010 grazas á inversión de arredor de sete millóns de euros e ao traballo das confrarías de pescadores e das súas entidades asociativas.

Na vía das melloras acadadas para o sector marítimo-pesqueiro, a titular de Mar recordou o incremento das posibilidades de pesca que se veu materializando desde o ano 2009 e que lle permitiu aos nosos mariñeiros pescar 80.000 toneladas máis de especies e beneficiarse de máis de 210 millóns de euros. Isto, engadiu Rosa Quintana, logrouse grazas ao traballo do sector na declaración dos datos de captura e ao da administración pola súa compilación e interpretación.

 
Presente e futuro
Seguindo na senda do traballo conxunto, a conselleira enxalzou o traballo feito polo sector, os científicos e a administración de cara a tomar as mellores decisións para o colectivo mariñeiro e apelou novamente a seguir con esta colaboración “co obxectivo de conseguir a suma de sinerxías e forzas para lograr o o equilibrio das cuestións ambientais, económicas e sociais para conseguir a sustentabilidade dos nosos mares”. Ao tempo, lanzou unha mensaxe ás organizacións medioambientais, ás organizacións de consumidores e ás entidades empresariais para que se involucren de cara a “tomar decisións cun resultado de xestión global, común e solidario no que o Goberno impulsa e modula, a ciencia aporta o seu asesoramento e o sector a voz e a experiencia”. Todo isto, especificou Rosa Quintana, coa finalidade de “velar polos recursos e os profesionais do mar, avanzar na cooperación pesqueira e lograr unha cogobernanza sustentable”.

Ao fío disto, a conselleira destacou tamén o traballo de investigación que se realiza nos centros propios da Consellería do Mar. Así, enxalzou o labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar e do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e aclarou que a investigación que se leva a cabo nestes centros está blindada por iso “mantemos un investimento estable e á alza nesta materia”. Neste aspecto, aludiu ao incremento do 20% no orzamento do Intecmar, que ascende aos 3,3 millóns de euros –os máis elevados dos últimos sete anos- e aos 3,5 millóns que se destinan para que o Cetmar avance na consecución de fondos procedentes de proxectos europeos.

Por outra banda, Rosa Quintana tamén recordou os logros acadados xunto co sector e os investigadores ata a actualidade na procura do mellor modelo de xestión da pesca. Así, lembrou o estudo sobre o estado do lirio no Cantábrico-Noroeste que tras a rebaixa do 93% da cota efectuada no 2011, grazas á información aportada pola Xunta conseguiuse incrementala un 600% no seguinte ano. Outro feito positivo acadado por ese traballo colaborativo foi o coñecemento do impacto do peche das zonas de pesca para os buques galegos tras o Brexit.

Retos ante a Unión Europea
En relación ás materias pendentes ante a Unión Europea, Rosa Quintana recoñeceu que quedan retos que afrontar como é o Brexit ou os descartes, entre outros. Sobre o Brexit a conselleira explicou que desde o primeiro momento “seguimos moi de preto e de forma activa as negociacións e os devires que este proceso está supoñendo para a nosa frota”. Foi por este motivo, dixo, polo que se encargaron dous informes sobre o seu impacto e se celebrou en outubro unha xornada xunto coa Alianza Pesqueira Europea na que se asinou unha declaración en apoio ás comunidades pesqueiras ante o Brexit, se debateron as consecuencias que tería o proceso e se sumaron argumentos de defensa do sector pesqueiro.

No relativo á prohibición dos descartes imposta pola Política Común de Pesca, a responsable do departamento marítimo reiterou que sempre defendeu a necesidade de abordalos progresivamente, en base a estudos rigorosos feitos especie por especie, caladoiro por caladoiro e buscando outras alternativas de pesca e así o reflicte o ditame elaborado conxuntamente co Consello Galego de Pesca, no que se recolle que choca frontalmente co ineficaz modelo de reparto e xestión das cotas de pesca, ao non axustarse ás capturas reais.

A conselleira insistiu en que seguirá dando a batalla en Bruxelas ante estes retos como veu facendo ata a actualidade. Neste sentido, recordou que a pasada semana acudiu precisamente ao país comunitario para reunirse persoalmente cos responsables da DG Sante para abordar a eliminación e distribución das competencias do laboratorio europeo de referencia para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos de moluscos bivalvos e analizar posibles escenarios de futuro. Tras esta xuntanza, a conselleira subliñou que “non volvemos coas mans baleiras” e explicou que desde as instancias comunitarias “trasladáronnos a idoneidade de establecer un sistema de colaboración entre o Laboratorio de Referencia de Vigo e o Intecmar para sumar fortalezas e levar adiante a tarefa encomendada a Galicia” -a relativa á clasificación de zonas e control-. Ademais, engadiu, animaron a Galicia a estar vixiante e salientaron a necesidade de realizar un seguimento técnico continuado a partir do vindeiro ano para velar pola calidade e efectividade da súa implantación.

Sector estratéxico en Galicia
Finalmente a conselleira fixo balance da importancia que ten o mar para Galicia polas 44.000 persoas que viven del. Ao respecto, sinalou que no ano 2016 a venda de peixe e marisco fresco acadou os 500 millóns de euros de facturación e todo indica que no 2017 se superou. En canto á facturación da actividade acuícola trasladou que chegou aos 200 millóns e a das industrias transformadoras e comercializadoras de produtos do mar superou os 7.000 millóns.

Coa vista posta nestas cifras, Rosa Quintana eloxiou o traballo feito ata agora por parte do sector, da comunidade investigadora e da Administración, “un traballo de calidade, constante e dedicado” que permitiu “recuperar a ilusión do mar”, dixo. Unha ilusión que se foi recuperando ata chegar a un momento de optimismo que nos leva a afirmar con confianza que “a pesca ten futuro, porque o noso traballo demostrou e segue a demostrar que somos capaces de aproveitar o coñecemento científico e técnico para evolucionar cara unha actividade marítimo-pesqueira ambientalmente sustentable, economicamente viable e socialmente responsable”, sentenciou.