A Xunta impulsa a oferta formativa no eido marítimo-pesqueiro con máis de 1,5 millóns de euros nos vindeiros dous anos para cursos de ensinanzas pesqueiras

17 de Outubro de 2018
A conselleira do Mar participou no acto de celebración do 25 aniversario da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
  • A Consellería do Mar incrementou no orzamento de 2018 un 2,5 % os fondos destinados ás ensinanzas marítimo pesqueiras, que xunto co orzamento do 2017, acumulan unha suba do 7%
  • Esta aposta pola formación reflíctese nos datos de matrículas efectuadas nos centros de ensino náutico-pesqueiro, nos que a porcentaxe aumentou máis dun 46% nos ciclos de formación regrada desde o curso 2008/2009
  • A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira conta co simulador de navegación máis avanzado de España, do que a Consellería do Mar actualizou o software recentemente

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Ribeira a aposta da Xunta por impulsar a oferta formativa no eido marítimo pesqueiro e por adaptar os coñecementos e as capacidades ás novas demandas do mercado laboral para seguir sendo competitivos. Con este obxectivo, explicou, nos dous vindeiros anos a Consellería do Mar destinará máis dun millón e medio de euros a cursos de ensinanzas pesqueiras non regradas.

Así o destacou a titular de Mar durante o acto de celebración do 25 aniversario da Escola Oficial Náutico-Pesqueira (EONP) de Ribeira, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Ademais, engadiu Rosa Quintana, no orzamento de 2018, a Consellería do Mar incrementou nun 2,5% os fondos destinados ás ensinanzas marítimo pesqueiras, que xunto co orzamento do 2017, acumulan unha suba do 7%.

Isto reflicte, subliñou a conselleira, que “o ensino náutico-pesqueiro é unha materia blindada para nós”. Tamén o é, engadiu, para a Unión Europea, que no seu Plan financeiro do Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014 - 2020 prevía para Galicia sete millóns de euros para formación.

Ademais, esta aposta pola formación tamén se ve nos datos de matrículas efectuadas nos centros de ensino náutico-pesqueiro, nos que a porcentaxe aumentou máis dun 46% nos ciclos de formación regrada desde o curso 2008/2009. No caso concreto da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira a suba neste último curso é dun 9%, especificou.

Unha tendencia, expuxo a titular de Mar, que “queremos manter e ampliar, porque ese é o auténtico sinal de saúde para o noso sector e a mellor fórmula para dar relevo xeracional.” Neste sentido, indicou que ese relevo xeracional depende da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e os outros centros formativos dependentes da Consellería do Mar.

En relación á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, Rosa Quintana destacou “o espírito colaborativo co que traballa”. Un traballo, explicou, que realiza con empresas da zona para que os estudantes poidan realizar as súas prácticas en centros reais de traballo; co concello, no uso das súas diversas instalacións municipais; e tamén coas confrarías de pescadores da zona do Barbanza, na impartición dos cursos náutico-pesqueiros ao mesmo tempo que reciben orientación.

Ademais a titular de Mar destacou a capacidade de adaptación deste centro, que “durante 25 anos, non só respondeu, senón que soubo evolucionar e adaptarse ao cambiante sector marítimo-pesqueiro”. Neste sentido, agradeceu “o traballo e tesón do corpo docente e non docente que pasou e deixou o mellor de si nestas aulas e o esforzo e dedicación do conxunto de estudantes”.

A EONP de Ribeira
A Escola Oficial Náutico-pesqueira de Ribeira depende da Consellería do Mar e comezou a funcionar en maio de 1993. Ten como misión impartir ensinanzas náutico e marítimo pesqueiras nas ramas de ponte e máquinas. Durante os primeiros cursos académicos, ofrecía ensinanzas para adultos, tanto de patrón de pesca de litoral de 1ª clase, como de mecánico naval de 2ª clase, así como ensinanzas regradas de formación profesional de 2ª rama de mecánico naval. A partir de aí, no curso 1998/1999 ofertou por primeira vez os ciclos de formación específica de Grado Medio e Superior da rama marítimo-pesqueira.

Entre as súas instalacións o centro dispón de aulas taller de artes e aparellos, seguridade e primeiros auxilios; de electricidade, electrónica e automatismos; de oleohidráulica e pneumática; aula de soldadura e tamén de aulas axuste e torno e de motores. Conta ademais con laboratorio e con simuladores de Navegación e Pesca; de comunicacións (SMSSM); de máquinas, e de frío e cálculo de refrixeración directa e indirecta.

O simulador de navegación co que conta está programado coas últimas tecnoloxías e especificacións técnicas e é o máis avanzado a nivel nacional na súa categoría. A Consellería do Mar actualizou recentemente a o software desta ferramenta de formación por importe de preto de 210.000 euros.