A Xunta impulsa novos cursos de formación para promover a diversificación profesional das redeiras co Proxecto Enredadas Pestanas principais

29 de Novembro de 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Santiago a primeira das iniciativas programadas

  • As consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Mar veñen de subscribir un acordo para continuar coa colaboración que veñen desenvolvendo neste ámbito, con accións formativas en eidos como a moda e complementos, decoración e xestión comercial

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe o “Curso de técnicas complementarias ao oficio tradicional das redeiras: corte e confección” que comezou hoxe en Santiago.

Esta é a primeira das catro iniciativas formativas que se levarán a cabo no marco do acordo asinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar polo que se dará continuidade ás actuacións do programa Enredadas en 2019 e 2020. Búscase así dar un novo pulo ás accións formativas levadas a cabo de cara á diversificación profesional do colectivo das redeiras artesás de Galicia e o desenvolvemento das áreas de pesca.

En virtude deste acordo a Fundación Pública Artesanía de Galicia levará a cabo actividades de formación para perfeccionar as técnicas de elaboración e a extensión a outros ámbitos de mercado que permitan mellorar a calidade e especialidade dos produtos artesanais, e para optimizar o proceso produtivo e a xestión comercial das redeiras a través da súa aplicación.

Está prevista a realización de catro accións formativas, cunha duración total de 240 horas. Ademais do que hoxe comeza en Santiago, celebrarase un curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración, e outro sobre deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e dos complementos. Tamén se ofrecerá formación sobre xestión básica da actividade comercial, analizando a produción e os prezos de venda.

Actualmente o Rexistro Xeral de Artesanía conta con 170 mulleres inscritas como redeiras artesás, o que reflicte un oficio eminentemente feminino e de vital importancia para os labores do mar e o sostemento económico de moitas familias das vilas costeiras galegas.

No ano 2012 o colectivo de redeiras artesás de diferentes localidades recibiron o apoio da Consellería do Mar, a través dos grupos de Acción Costeira no marco do Fondo Europeo para a Pesca, para a diversificación da súa actividade. A esta iniciativa súmase a Consellería de Economía, Emprego e Industria e ambas institucións unen forzas neste proxecto deseñado e coordinado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Partindo dos saberes tradicionais do oficio desenvolveuse unha metodoloxía de traballo propia, adaptada ao colectivo e que dese coherencia e eficiencia ao proceso de fabricación. Desde o ano 2012 deseñouse e impartiuse por profesionais de diferentes sectores un programa de formación especializada de 15 cursos co fin de actualizar esta nova actividade das redeiras e establecer colaboración intersectorial con diferentes axentes: moda, mobiliario, bixutería, complementos, fotografía, escaparatismo.

A Fundación Pública Artesanía de Galicia -que foi galardoada polo proxecto Enredadas co Premio Promociona para entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016- vén desenvolvendo desde 2012 accións de formación co colectivo das redeiras artesás de Galicia, acadando resultados tanxibles tralo remate dos cursos.

Entre os resultados acadados ata o de agora cómpre subliñar a creación de novas liñas de complementos e bixutería que parten do respecto ás tradicións e abren as portas a novos repertorios formais contemporáneos, así como a colaboración con deseñadores e creación de novos produtos para diferentes marcas e estudos de deseño. Ademais, fomentouse a comercialización off/online destas novas liñas de produtos en tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia e outros puntos de venda privados; e a participación en diferentes feiras e eventos organizadas por institucións e accións de promoción, visualización e divulgación do proxecto.

Bandera Unión Europea