A Xunta expón á Unión Europea os prexuízos que pode ocasionar a normativa que obriga a inadmitir as axudas ás confrarías

21 de Febreiro de 2019
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reunise co director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, João Aguiar
A Xunta expón á Unión Europea os prexuízos que pode ocasionar a normativa que obriga a inadmitir as axudas ás confrarías
  • A conselleira do Mar entregou ao director xeral da DG MARE un informe encargado pola Xunta á fundación MarInnLeg que analiza a aplicación do regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)
  • Rosa Quintana acadou o compromiso da Comisión Europea de estudar o documento aportado por Galicia e revisar este asunto

Bruxelas, 21 de febreiro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, João Aguiar, a preocupación de Galicia en relación á normativa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que obrigou á Xunta a inadmitir axudas a cinco confrarías de pescadores.

Neste sentido, a titular de Mar trasladou ao director xeral da DG MARE a realidade das confrarías que xestionan as lonxas de marisqueo, nas que se descarga un gran volume de distintos tipos de especies e que ás veces é difícil garantir que todo o produto sexa de talla regulamentaria. Eses casos poden derivar nunha sanción por falta grave que impide o acceso ás axudas que se rexen polo regulamento europeo. Rosa Quintana engadiu que habitualmente se trata de sancións que, aínda que están tipificadas como graves por estar relacionadas maioritariamente cos talles do produto, en moitas ocasións roldan unha multa próxima aos 300 euros.

Ademais a conselleira trasladou a João Aguiar un informe encargado pola Xunta á fundación MarInnLeg no que se analiza a aplicación do regulamento do FEMP, un documento que a DG MARE se comprometeu a estudar. A titular de Mar tamén lle expuxo a Aguiar que Galicia “seguirá estudando a interpretación que se pode facer, tanto do regulamento en materia de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada como do regulamento do FEMP”.

Con estes argumentos, subliñou Rosa Quintana, transmitímoslle á Unión Europea “que nos parece totalmente inxusto que por cuestións deste tipo a inmensa maioría do colectivo se vexa privado de seguir contando con proxectos que desenvolvemos en Galicia como os de rexeneración dos bancos marisqueiros”.

Ao remate da reunión, a conselleira do Mar amosou a súa satisfacción pola receptividade do director xeral da UE, porque “entendeu o que lle expuxemos desde Galicia e é plenamente consciente de que traemos os deberes feitos, que vimos con argumentos e informes e que acreditamos todas e cada unha das nosas peticións”, sinalou. A maiores, Rosa Quintana recoñeceu o esforzo do sector de Galicia e dos seus profesionais, que “cumpren todos os requisitos técnico-sanitarios nas lonxas e están intentando recuperar os bancos marisqueiros”.