A Xunta expón en Bruxelas o potencial do sector mexilloeiro no eido da acuicultura de Galicia

02 de Febreiro de 2018

Este sector configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras cunha aportación esencial aos municipios do litoral galego, duns 400 millóns de euros de facturación

  • En Galicia máis do 75% das axudas de acuicultura do Fondo Europeo da Pesca, correspondente ao período de programación 2007-2013, foron destinadas ao sector do mexillón

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe en Bruxelas no foro de Acuicultura na Unión Europea, onde destacou o potencial e a tradición do sector do mexillón no eido da acuicultura de Galicia, que representa dous terzos do valor da produción.

Mercedes Rodríguez subliñou que este sector configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras cunha aportación esencial aos municipios do litoral galego, duns 400 millóns de euros de facturación, segundo diferentes traballos realizados nos últimos anos.

A esta cadea de valor, engadiu a directora xeral, súmanse outras actividades como os centros tecnolóxicos relacionados co control sanitario, medioambiental, coa transformación, a investigación e a I+D+i. Tamén a industria auxiliar relacionada, os centros de formación, o Consello Regulador e a Denominación de Orixe Protexida, entre outros. Todo este complexo, sinalou, xera máis de 10.000 postos de traballo que nalgúns municipios costeiros chega a supor o 25% do emprego.

Este potencial, explicou Mercedes Rodríguez, dota dunha alta competitividade ao conxunto da cadea mexilloeira. Non obstante, expuxo, debe afrontar retos como os hábitos cambiantes do consumidor, a trazabilidade, a seguridade alimentaria e a aportación de maior valor engadido ao produto, entre outros.

En canto aos fondos de financiamento europeos, a directora xeral destacou que co Fondo Europeo da Pesca, correspondente ao período de programación 2007-2013, Galicia foi a comunidade autónoma de España co maior número de beneficiarios de axudas á acuicultura. Delas, a maioría, máis do 75%, foron a parar ao sector mexilloeiro.

No marco do fondo actual, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, lembrou que Galicia convocou nos anos 2016 e 2017 axudas para investimentos produtivos en acuicultura e para o incremento da eficiencia enerxética. Unhas axudas que tamén se convocaron en xaneiro deste ano por un importe de preto de 18,7 millóns de euros.

O foro
O foro de Acuicultura na Unión Europea EU aquaculture – Farmed in the EU Regions está organizado pola Comisión Europea e o Comité das Rexións. Nel participan diferentes representantes de administracións de lugares de distintos Estados Membros da UE e tamén científicos e investigadores, que abordarán exemplos de boas prácticas dentro da acuicultura, como Galicia no eido do mexillón, e tamén as necesidades e retos da actividade na UE.

Desde a publicación das liñas estratéxicas de desenvolvemento sustentable da acuicultura a Comisión Europea estivo traballando xunto cos Estados Membros para impulsar o desenvolvemento deste sector. De aí xorde no ano 2015 o ditame O futuro da acuicultura europea, emitido polo Comité Europeo das Rexións e liderado por Galicia co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, como relator.

Bandera Unión Europea