A Xunta enxalza o apoio do grupo de acción local do sector pesqueiro A Mariña-Ortegal aos percebeiros de Valdoviño para mellorar a súa seguridade

17 de Marzo de 2022

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobou o funcionamento do vehículo anfibio e os sete remolques adquiridos pola Asociación de Percebeiros de Meirás co obxectivo de optimizar os accesos ao mar dos traballadores e a loita contra o furtivismo

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou hoxe Valdoviño para coñecer o proxecto de mellora da seguridade levado a cabo pola Asociación de Percebeiros de Meirás, ao abeiro dun proxecto do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal. A iniciativa consistiu na adquisición dun vehículo anfibio –un tractor de eirugas– e sete remolques co obxectivo de optimizar os accesos ao mar dos traballadores así como os medios de control para a redución do furtivismo na zona, o que contribúe ao incremento da competitividade deste sector.

Esta actuación, que supuxo un investimento de máis de 95.000 euros e que contou cunha axuda pública de preto de 71.000 euros, permite mellorar as condicións laborais dos percebeiros, o que serve de estímulo para a poboación local á hora de formarse neste sector, fixar poboación e desenvolver postos de traballo relacionados co mar e o sector pesqueiro.

Do mesmo xeito, a adquisición deste tractor supón melloras en materia de salvamento marítimo ao contar cunha ferramenta de acceso rápido e seguro no caso de emerxencia.

Os GALP

Os actuais grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da estratexia de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.

A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e á valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.

Os GALP de Galicia desenvolveron preto de 500 iniciativas entre a primeira convocatoria de axudas no ano 2016 e o 2020. Proxectos que contaron cuns 30 millóns de euros de axuda pública e catalizaron arredor de 40 millóns de euros de investimento privado, o que supuxo un investimento total de máis de 70 millóns de euros.