A Xunta e a industria transformadora de produtos do mar desenvolverán en 2022 distintas accións para impulsar a competitividade e o crecemento do sector

05 de Xaneiro de 2022

A conselleira do Mar e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca asinaron un convenio de colaboración para a promoción e mellora da comercialización das conservas

A Xunta e a industria transformadora de produtos do mar desenvolverán en 2022 distintas accións para impulsar a competitividade e o crecemento do sector
  • A Consellería do Mar destina 149.000 euros á colaboración con Anfaco-Cecopesca, que estará vixente ata o 30 de decembro deste ano
  • Este acordo anual inclúe diferentes actuacións de promoción e difusión da industria galega de conservas de peixes e mariscos coa finalidade de favorecer a actividade das empresas galegas e o seu desenvolvemento

A Consellería do Mar e a asociación nacional de fabricantes de conservas de pescados e mariscos Anfaco-Cecopesca renovaron hoxe a súa colaboración no eido da promoción e mellora da comercialización das conservas de produtos pesqueiros co obxectivo de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento. O convenio polo que se regula a cooperación entre as partes foi asinado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites.

A titular de Mar explicou que a colaboración vai estar vixente ata o 30 de decembro deste ano e que conta cunha aportación por parte da Xunta de Galicia de 149.000 euros, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), á que se suman outros 149.000 euros aportados por Anfaco-Cecopesca. Con ese orzamento desenvolveranse distintas accións de promoción e difusión da calidade dos produtos do mar transformados que teñen como finalidade intensificar o coñecemento que ten o conxunto da cidadanía sobre eles e impulsar o desenvolvemento das empresas do sector neste ámbito.

Rosa Quintana salientou que entre as accións previstas ao abeiro do convenio se inclúe a celebración de xornadas sobre temáticas actuais e innovadoras como a transformación dixital, a mercadotecnia, a I+D+i, a sustentabilidade da actividade ou a internacionalización, entre outras. Este tipo de encontros, subliñou, buscan impulsar a adaptación e a reciclaxe do tecido industrial co obxectivo de afrontar con éxito os seus retos e desafíos e que poida seguir medrando e expandíndose.

Outra das actividades incluídas na colaboración, engadiu a conselleira, é a elaboración dunha análise en profundidade do mercado de conservas de peixes e mariscos nacionais coa finalidade de entender os gustos dos consumidores e adaptar a eles a estratexia da industria transformadora de produtos do mar. Rosa Quintana lembrou que ese estudo do mercado permitirá coñecer aspectos como o consumo dentro dos fogares, o impacto da covid-19, o comportamento dos distintos compradores/consumidores e identificar tanto as tendencias específicas como as pancas de crecemento ou as melloras na experiencia de compra e consumo.

O convenio tamén atende á necesidade de promocionar internacionalmente os produtos do mar transformados mediante a asistencia a feiras para coñecer outros mercados, contactar con compradores ou importadores doutros países e promocionar a actividade da industria galega. Neste sentido, a colaboración prevé a asistencia a feiras de alimentación internacional como Alimentaria (do 4 ao 7 de abril) e SIAL París (do 15 ao 19 de setembro).

Degustacións

A representante do Executivo galego detallou que ao abeiro destes eventos se realizarán presentacións e degustacións dos produtos do mar de Galicia aos que se invitará a empresas produtoras, clientes, importadores, distribuidores e organismos e institucións para dar a coñecer a calidade e variedade de opcións que ofrece o sector conserveiro galego. Nesta liña, con motivo da participación en SIAL París, realizarase unha prospección do mercado francés visitando diferentes puntos de venda para a análise da oferta de produtos da pesca e da acuicultura.

A colaboración tamén inclúe obradoiros, degustacións ou showcookings no marco de diferentes eventos coa finalidade de promover a versatilidade gastronómica das conservas de produtos do mar e os seus beneficios nutricionais. Con estas accións tratarase de ensinar aos consumidores como elaborar e presentar diferentes receitas con estes produtos.

Ao abeiro deste convenio tamén se desenvolverán actividades de promoción en diferentes medios de comunicación e accións de dixitalización 360º e fotogrametría 3D para a difusión dos fondos da colección do museo Anfaco e das contornas industriais relacionadas.

O obxectivo final de todas estas actuacións é impulsar a actividade e a competitividade do sector transformador de produtos do mar de Galicia para que poida manter a súa posición como principal produtor de conservas de Europa e segundo do mundo e superar os retos e desafíos de futuro como as dificultades derivadas da covid-19. De feito, a titular de Mar lembrou que o sector pesqueiro resistiu mellor ca outros o embate da pandemia e que a industria de transformación dos produtos do mar soubo adaptarse aos novos desafíos do mercado e aos cambios nas tendencias de consumo.

Na sinatura desta colaboración, celebrada hoxe na sede de Anfaco-Cecopesca, a conselleira do Mar estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

Bandera Unión Europea