A Xunta destinou desde 2009 case 200 millóns de euros para mellorar a sustentabilidade da frota

23 de Mai de 2018
Rosa Quintana destacou que no último ano a Consellería do Mar puxo a disposición do sector máis de tres millóns de euros para este cometido
  • Tamén subliñou que co obxecto de mellorar a calidade de vida a bordo, vénse de aprobar por unanimidade no Comité Europeo das Rexións un ditame que recollía a proposta de Galicia para o futuro Fondo Económico Marítimo e de Pesca (FEMP)

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou que a Xunta destinou desde 2009 case 200 millóns de euros para mellorar a frota a través da promoción dunha actividade marítimo-pesqueira sustentable entre armadores e tripulantes. Así o destacou durante a inauguración da mesa de debate Construción de buques pesqueiros 4.0, enmarcada nas xornadas técnicas da feira Navalia 2018.

Neste sentido, Rosa Quintana recordou que dos case 200 millóns, máis de 196 concedéronse no período 2009-2016. Así mesmo, destacou que no último ano a Consellería do Mar puxo a disposición do sector máis de tres millóns de euros con dúas liñas de inversión. Unha delas dirixida á adquisición do primeiro barco pesqueiro para persoas menores de 40 anos e a segunda destinada a mellorar as condicións de traballo e de seguridade a bordo e a limitar o impacto da pesca no medio mariño, principalmente a través de actuacións de eficiencia enerxética.

Así a titular de Mar lembrou que existe un compromiso palpable coa frota pesqueira e coa súa renovación de cara a “consolidar a súa composición e garantir o relevo xeracional”. Tamén reiterou a aposta do seu departamento por mellorar a eficiencia enerxética dos motores que empregan os buques pesqueiros xa que “queremos barcos máis rendibles e sustentables”.

A maiores, Rosa Quintana fixo fincapé en que precisamente co obxecto de mellorar a calidade de vida a bordo, vense de aprobar no Comité Europeo das Rexións por unanimidade un ditame que recollía a proposta de Galicia para o futuro Fondo Económico Marítimo e de Pesca (FEMP). Nel, explicou a conselleira, “reitérase a petición de apoiar e estimular a renovación da frota pesqueira co fin de evitar os prexuízos do seu envellecemento”. Con isto, dixo Rosa Quintana, queremos que a cifra de 20 buques pesqueiros que os nosos estaleiros teñen hoxe en carteira e outros tantos en previsión de entrada se acrecenten en beneficio da construción naval e do propio sector pesqueiro”.

Finalmente a conselleira agradeceu aos organizadores da feira o seu labor na creación dun escaparate que xa se converteu na cita española máis importante e nun dos encontros europeos máis influíntes dentro do sector naval. De feito, nesta edición Navalia conseguiu reunir case 400 expositores procedentes de 90 países e albergar 600 marcas.