A Xunta destaca o vigor do sector transformador de produtos do mar de Galicia, que elevou a produción, a facturación e as exportacións en 2020 malia a covid-19

14 de Setembro de 2021
A titular de Mar salienta a capacidade da industria para adaptarse a calquera adversidade e o seu esforzo constante por avanzar nun modelo de negocio máis competitivo, innovador e sustentable
Consellería do Mar
  • O Executivo galego enxalza tanto o valor humano dos profesionais do sector como os recursos produtivos da comunidade, fundamentais no desenvolvemento social e no crecemento económico de Galicia
  • Rosa Quintana lembra que o desenvolvemento do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e a revisión da Política Pesqueira Común son algúns dos aspectos que marcarán en boa medida a evolución desta actividade nos vindeiros anos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe o éxito da X Conferencia Mundial do Atún que se celebrou entre onte e hoxe en Vigo malia as dificultades derivadas da covid-19 e destacou que é unha mostra máis da fortaleza do sector transformador de produtos do mar de Galicia e da súa capacidade para adaptarse a calquera adversidade. Neste sentido, lembrou que a industria conserveira galega elevou en 2020 tanto a súa produción como a facturación e as exportacións en relación co ano anterior superando os atrancos xerados pola alerta sanitaria do coronavirus.

A representante do Executivo galego subliñou a boa participación rexistrada neste evento internacional organizado por Anfaco-Cecopesca -con máis de 400 profesionais do sector de 30 países que representan a máis do 90% da industria conserveira mundial-, que soubo sobrepoñerse ás dificultades derivadas das restricións sanitarias. A titular de Mar tamén agradeceu, durante a clausura do evento, o esforzo constante da industria galega por avanzar nun modelo de negocio máis competitivo, innovador e sustentable.

Esta estratexia, explicou, é a que permitiu ao sector avanzar nos últimos anos e converter a Galicia nun referente internacional na transformación dos produtos do mar, polo que animou ás empresas conserveiras a manter esa aposta para reforzar as súas capacidades competitivas e afianzar a súa posición no mercado.

Unha das chaves do éxito da industria transformadora galega, incidiu Rosa Quintana, é o feito de ter o mellor recurso produtivo e o valor humano dos profesionais do sector. Neste sentido, lembrou que Galicia aporta máis do 60% do emprego da industria conserveira a nivel nacional e que as súas traballadoras e traballadores foron e son fundamentais no desenvolvemento social e no crecemento económico de Galicia.

A conselleira do Mar subliñou que a X Conferencia Mundial do Atún permitiu analizar os retos do sector e marcar as novas metas de futuro con asuntos de interese como as tendencias dos mercados en Europa, Asia, África ou América, a información ao consumidor, o estudo dos stocks atuneiros no mundo e a súa xestión sostible, as ferramentas para unha competencia no sector en igualdade de condicións –o level playing field-, a innovación ou a tecnoloxía.

Nesta liña, Rosa Quintana reafirmou o apoio da Xunta de Galicia ao sector transformador de produtos do mar e incidiu en que no futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) esta industria terá unha aportación superior ao 20%, volvendo a superar os 100 millóns de euros á súa disposición.

A titular de Mar lembrou que o desenvolvemento do novo fondo, no que as peculiaridades de Galicia sexan tidas en conta, é un dos principais retos da comunidade así como a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), na que a Xunta e o sector apostan por priorizar aspectos como a igualdade, a sustentabilidade e a remuda xeracional. “Queremos seguir tendo un sector marítimo-pesqueiro e unha cadea mar-industria fortes e competitivas para que Galicia siga sabendo a mar”, concluíu, ao tempo que agradeceu o labor de Anfaco-Cecopesca na organización do evento e a participación de todos os relatores e asistentes tanto de xeito presencial como telemática.

O encontro
A X Conferencia Mundial do Atún reuniu entre onte e hoxe en Vigo a arredor de 400 directivos de empresas atuneiras radicadas en máis de 30 países que superan o 90% da produción mundial. Nela, distintos expertos avaliaron a situación do sector na actualidade así como os aspectos máis relevantes que afectan á súa competitividade.

O encontro, organizado por Anfaco-Cecopesca coa colaboración da Consellería do Mar, inclúe distintas actividades como a Tuna Factory Exhibition -na que empresas e organizacións expoñen e promocionan os seus produtos, equipamentos, maquinarias e servizos-, a entrega dos galardóns Tuna Awards 2021 -para poñer en valor o esforzo do sector na sustentabilidade e dixitalización da industria-, a Asemblea Xeral de Eurothon -que marca a liña no ámbito europeo desta actividade- e a reunión do Comité de Dirección do Observatorio de Trazabilidade, que promove a defensa dunha competencia leal no mercado do atún da Unión Europea.