A Xunta destaca o peso de Galicia no reforzo da igualdade de condicións do acordo pesqueiro entre España e Portugal

01 de Febreiro de 2022

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e a secretaria xeral técnica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

  • O acordo en vigor, selado en xuño de 2021, introduce por primeira vez a obriga para a frota de arrastre de respectar os horarios establecidos para esta modalidade nas augas do outro país, que se une á existente desde 2014 de efectuar as descargas nos horarios fixados pola lexislación do país no que se fagan, o que elimina as diverxencias que existían neste eido entre as frotas española e lusa
  • O Executivo galego demanda unha tramitación máis simple e áxil do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para aumentar o acceso do sector a este financiamento e a súa execución
  • A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar lamentou a tardanza de dous anos por parte do Executivo central á hora de aplicar a normativa europea en materia da redución dos botiquíns da frota de baixura

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento “a influencia e o peso da pesca galega e da Xunta” nas melloras de igualdade acadadas no actual acordo pesqueiro entre España e Portugal, selado a finais xuño de 2021.

O acordo en vigor, explicou, introduce por primeira vez a obriga para a frota de arrastre de respectar os horarios de actividade para esta modalidade nas augas do outro país. Isto completa á obriga introducida en 2014 de efectuar as descargas dentro dos horarios fixados pola lexislación do país no que se faga. Estes avances, subliñou Mercedes Rodríguez, acadáronse coa colaboración das organizacións de produtores pesqueiros e as lonxas de Galicia.

Ademais, lembrou que o Executivo galego sempre defendeu e solicitou en varias ocasións a igualdade entre as frotas deste acordo para evitar os prexuízos que ocasionaba á frota galega o feito de que a portuguesa se puidese beneficiar de faenar na fin de semana e a española non. Antes da entrada en vigor do acordo actual, o sector luso non tiña prohibido parar durante a fin de semana e a española estaba obrigada a parar por normativa nacional. Agora o acordo ampara a igualdade neste ámbito e ambas frotas o teñen prohibido.

Axudas FEMP

En resposta a unha pregunta relacionada coas axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), Mercedes Rodríguez fixo referencia ás dificultades de tramitación que implica o FEMP e que complican a súa execución e dificultan o acceso aos fondos por parte dos seus potenciais beneficiarios.

De feito, expuxo, nestas liñas de axuda cofinanciadas con este fondo, só se aprobou unha solicitude das tres presentadas o pasado ano. Neste sentido, Mercedes Rodríguez apelou á “complicada execución” dos apoios debido á propia estrutura do regulamento do fondo e, polo tanto, de difícil presentación e cumprimento de requisitos.

Polo tanto, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica defendeu unha tramitación máis simple e áxil dos fondos europeos para aumentar a súa execución e o acceso a eles por parte do sector marítimo-pesqueiro.

Botiquíns adaptados á frota de baixura

Pola súa banda, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, deu conta hoxe no Parlamento da tardanza por parte do Goberno estatal á hora de aprobar o novo Real Decreto que se axusta á normativa europea en materia da asistencia médica abordo.

Así, en resposta a unha pregunta sobre este tema, a secretaria xeral Cortiñas subliñou que no ano 2019, a Unión Europea reduciu de forma considerable os medicamentos que deben portar os botiquíns da frota de baixura, pero non foi ata o pasado mes de decembro cando o Executivo central deu luz verde á transposición da directiva europea. Deste xeito, lamentou que tiveran que pasar dous anos para que se aplicase en España a normativa que simplifica os contidos que teñen que levar obrigatoriamente os buques que navegan e pescan dentro das augas interiores ou en zonas situadas a menos de 10 millas náuticas da costa.

Con esta modificación, reclamada pola Xunta desde o 2016, as embarcacións de artes menores pasaban de ter que levar obrigatoriamente un botiquín tipo “C” –equivalente ao das frotas de altura, polo que resulta máis complicado de utilizar debido á pequena dimensión das embarcacións– a un tipo “C-Local”, reducíndose nun 75% o número de medicamentos e nun 55% material técnico.

Así, a secretaria xeral técnica recordou que as xestións da Xunta para tratar de adaptar o contido do botiquín ás necesidades da frota de artes menores comezaron en decembro de 2016, cando se lle trasladou as singularidades deste segmento da frota á dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE.