A Xunta defende unha saída ordenada do Reino Unido da UE que implique o mantemento do statu quo actual no acceso ás augas

22 de Febreiro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse co presidente da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), Gerard Van Balsfoort

A Xunta defende unha saída ordenada do Reino Unido da UE que implique o mantemento do statu quo actual no acceso ás augas
  • A titular de Mar destaca a unidade, fortaleza e sentido común mostrados polo sector pesqueiro europeo ante o brexit
  • O Executivo galego considera que as posibles compensacións ao sector no caso dun abandono sen acordo non deben saír do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca senón doutras partidas orzamentarias

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse hoxe co presidente da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), Gerard Van Balsfoort, e mostrouse satisfeita ao comprobar a unidade coa que o sector pesqueiro europeo afronta a saída do Reino Unido da Unión Europea para saír gañando deste proceso. Neste sentido, a titular de Mar explicou que a Xunta entende que a mellor solución é unha saída na liña do acordo que tombou o Parlamento británico, mantendo o statu quo actual, con acceso aos mercados por parte do Reino Unido e acceso ás augas por parte da UE.

“Unha das dúbidas que había nun primeiro momento era que comezaran a abrirse brechas entre os principais sectores e subsectores dos municipios costeiros e a verdade é que o sector pesqueiro da UE está a dar mostras dunha gran fortaleza e dun gran sentido común ao entender que aquí ten que gañar todo o mundo”, resumiu a titular de Mar. Rosa Quintana lembrou que a posibilidade dun brexit duro, sen acordo, poría en risco a actividade de 66 barcos galegos que faenan en Gran Sol, outros 30 de armadores galegos pero con bandeira británica e 20 pesqueiros máis que pescan nas illas Malvinas, cun total de máis de 1.700 tripulantes afectados.

“Por cada posto de traballo no mar, en Galicia xéranse catro ou catro e medio en terra, polo que é un impacto importante tanto no campo social como no económico”, subliñou a conselleira do Mar, que quixo resaltar a especial importancia que ten o brexit para a comunidade galega como principal rexión pesqueira da UE. “Cando outras rexións teñen unha tose, Galicia ten pulmonía”, aseverou Rosa Quintana.

Por este motivo, a responsable da política pesqueira da Xunta incidiu en que o Executivo galego está a traballar para afrontar todos os posibles escenarios pese á incerteza actual e anunciou que está previsto que se organicen proximamente unhas xornadas en Galicia para seguir analizando co sector todas as posibilidades que se vaian abrindo.

“Non podemos ser máis activos porque partimos da falta de información. Temos encargado outro informe ao Instituto Salvador de Madariaga pero hai que agardar a que o Reino Unido dea pasos para poder enfocalo”, lamentou Rosa Quintana, que engadiu que o sector debe ter a tranquilidade de que o comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, “segue a defender o sector pesqueiro como unha liña vermella, a non tocar”.

En canto ás medidas de continxencia ante un posible brexit duro, a titular de Mar mostrouse contraria a recorrer ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para compensar a perda de actividade no sector pesqueiro ao entender que se trata dun fondo “estrutural, bastante reducido”. “O sector pesqueiro europeo ten a suficiente entidade e impacto social como para que a UE sexa capaz de atopar fondos adicionais que compensen estas situacións”, aseverou Rosa Quintana.

Nesta liña, a representante da Xunta defendeu que se trata dun sector estratéxico, que proporciona alimento á sociedade, un aspecto que debe ser considerado. “Debemos exixir que se teña en conta a relevancia deste sector, tremendamente importante tanto polo seu impacto económico como social”, destacou a conselleira do Mar.

 

Bandera Unión Europea