A Xunta dá luz verde á tramitación das axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade mariña por importe de 5 millóns de euros

11 de Abril de 2020

Faino de xeito excepcional no contexto de estado de alarma do coronavirus ao considerarse un apoio indispensable para a protección da actividade marítimo-pesqueira esencial para o subministro de alimento e tamén para a recuperación da actividade marisqueira tras esta situación excepcional

  • A Consellería do Mar é un dos primeiros departamentos do Executivo autonómico en acollerse a esta opción en base a un acordo acadado no Consello da Xunta a semana pasada e ao Real Decreto do estado de alarma
  • Estas achegas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca están dirixidas ás confrarías de pescadores, ás organizacións de produtores, ás cooperativas do mar e ás asociacións de profesionais do sector

A Xunta autorizou esta semana a tramitación da convocatoria de 2020 de axudas da Consellería do Mar por importe de 5 millóns de euros para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña así como ao fomento da sensibilización ambiental. O Executivo autonómico dá luz verde de xeito excepcional, no contexto de estado de alarma do coronavirus, a estas subvencións a través das que se apoia a contratación de vixiantes e biólogos das confrarías de pescadores ao considerarse unhas axudas indispensables para a protección da actividade marítimo-pesqueira esencial para o subministro de alimento e tamén para a recuperación da actividade marisqueira unha vez que se levante o estado de alarma e o confinamento.

A Administración galega aproba así a continuidade desta tramitación en base ao acordo adoptado o pasado 3 de abril no Consello da Xunta sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións e amparándose no que establece o Real Decreto do estado de alarma sobre as excepcionalidades relativas aos prazos administrativos.

Deste xeito, a Consellería do Mar é un dos primeiros departamentos do Executivo autonómico en acollerse a esta posibilidade tras comprobar a dispoñibilidade de crédito orzamentario para estas actuacións esenciais dentro do actual escenario de alerta sanitaria polo coronavirus e sempre tendo en conta a atención preferente das necesidades indispensables derivadas da emerxencia sanitaria.

As axudas están financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), son a distribuír nas anualidades 2020 e 2021 e están dirixidas ás confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar, asociacións de profesionais do sector e demais entidades asociativas que desenvolvan as súas actividades no sector pesqueiro e teñan a súa sede social en Galicia.

A través delas son subvencionables os proxectos que teñan como obxectivo mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, entre os que se inclúen a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños, atendendo á Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña.

Entre as iniciativas que poden optar ás axudas tamén están as que contribúan á vixilancia epidemiolóxica, caso do envío de mostras ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras, e operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies. Dentro destas operacións, o persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este.

Outros proxectos que tamén poden optar ás achegas son os relacionados coa formación dos pescadores de cara a adquirir novas competencias para unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas nos que viven así como as accións de aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos pescadores, podendo incluír campañas de divulgación.

Bandera Unión Europea