A Xunta avanza co Goberno central na implantación do novo modelo de organización xudicial

23 de Xuño de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, participou hoxe na Conferencia Sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as Comunidades Autónomas

  • Na reunión abordouse o novo modelo de organización xudicial que contempla o Proxecto de lei de eficiencia organizativa e que está a tramitar o Goberno Central

  • A Xunta aposta por que o proxecto conxugue a eficiencia organizativa e a proximidade dos servizos xudiciais, en especial no rural galego, coa participación e papel protagonista das entidades locais

  • O Goberno galego tamén solicitou que as oficinas municipais de xustiza coñecidas como xulgados de paz se adapten ás necesidades destas poboacións

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, participou hoxe en Toledo no pleno da Conferencia Sectorial de Xustiza entre o Ministerio de Xustiza e as Comunidades Autónomas presidida pola ministra de Xustiza, Pilar Llop, na que se tratou, entre outros asuntos, o novo modelo de oficina xudicial do proxecto lexislativo que está a tramitar o Goberno central para implantar un novo modelo de Xustiza en España.

 

A iniciativa implica a modificación da Lei orgánica do poder xudicial e da Lei de demarcación e planta para implantar as novas estruturas organizativas, e sen prexuízo da solución final do lexislador que resulte da tramitación normativa.

O director xeral de Xustiza defendeu no encontro a importancia de que o novo modelo respecte as especificidades do territorio e conte con criterios consolidados, a fin de que a nova configuración poida responder de forma efectiva á análise e particularidades dos partidos xudiciais.

Neste sentido, solicitou ao Goberno central especial sensibilidade para flexibilizar as oficinas municipais de xustiza -actualmente xulgados de paz-, tendo en conta que en Galicia a Xustiza de Paz conta cunha tradición, autoridade e coñecemento concreto da poboación e do territorio, e que na comunidade galega representa o primeiro chanzo xudicial para o 44% da poboación.

Por iso, alén de amosar o seu recoñecemento neste labor, instou a que as oficinas de xustiza nos municipios se adapten ás necesidades destas poboacións. A Xunta aposta por que  o proxecto conxugue a eficiencia organizativa e a proximidade dos servizos xudiciais, en especial no rural galego, coa necesaria participación e papel protagonista das entidades locais.

Por outra banda, as comunidades autónomas con competencias en materia de xustiza, responsables da xestión dos medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza, lembraron a reclamación que dende hai anos dirixen ao Goberno Central para participar nos intereses das contas de depósitos e consignacións xudiciais abertas a nome dos xulgados e tribunais do territorio.

Amais, o director xeral de Xustiza ofreceu a participación de Galicia no Comité para a preparación da Presidencia Europea en materia de Xustiza entre o Ministerio de Xustiza, as Comunidades Autónomas con competencias neste ámbito e a FEMP.

Tronchoni tamén participou o mércores en Toledo no Pleno do Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica, que constitúe o marco institucional para a cooperación entre Administracións en materia de administración electrónica na Administración de Xustiza, e no que están presentes representantes do Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, Fiscalía Xeral do Estado, do Corpo Superior de Letrados da Administración de Xustiza, así como das comunidades autónomas con competencias nesta materia.