A Xunta aposta polo reforzo das estruturas das organizacións de produtores pesqueiros para mellorar a xestión dos recursos

12 de Decembro de 2018
A titular de Mar louva o papel destas entidades na xestión responsable dos recursos mariños para garantir o futuro das comunidades pesqueiras

Marín (Pontevedra), 12 de decembro de 2018.- A Xunta aposta firmemente polo reforzo das estruturas das Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) dado que comparten coa Administración galega un cambio na mentalidade xestora para acadar a sustentabilidade dos recursos e outras inquedanzas como mellorar o control das cotas de pesca, unha maior responsabilidade dos propios armadores nesa administración das posibilidades de pesca ou o interese por coñecer a evolución das cotas dispoñibles a partir dos intercambios realizados ao longo do ano. Así o asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da xornada O futuro das OPP: Innovación e Competitividade, organizada pola Organización de Produtores de Pesca Fresca Puerto y Ría de Marín (Opromar).

A titular de Mar louvou o traballo das OPP como chave dentro dun sector innovador que se pon ao servizo da pesca e da alimentación para mellorar a comercialización dos produtos do mar, reducir o impacto ambiental da actividade pesqueira e aumentar os rendementos económicos dos produtores. No caso de Opromar, subliñou o seu labor en asuntos que preocupan ao sector como o papel da muller, os estudos de mercado de certas especies ou temas máis técnicos como a fiscalidade destas organizacións pesqueiras.

A xornada que inaugurou a conselleira do Mar ten especial relevancia no caso de Galicia, que conta con 12 das 40 OPP que hai en España e tamén conta co 30% das de ámbito nacional e transnacional.

Por iso, Quintana asegurou que o compromiso de Galicia coas OPP é “palpable, cuantificable e ten continuidade” pois desde 2014 a Xunta concedeu máis dun millón de euros en axudas a estas organizacións ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e neste exercicio dedicará máis de dous millóns de euros a dúas liñas de apoio: unha primeira con 1.800.000 euros de investimento para o desenvolvemento de plans de produción e comercialización e outra de 400.000 euros para a reestruturación ou creación deste tipo de organizacións.

Na mesma liña, a conselleira do Mar destacou que Galicia foi “a primeira comunidade autónoma que publicou unha convocatoria para dar apoio financeiro á preparación e ao desenvolvemento dos seus plans de produción e comercialización” e mostrouse convencida de que xornadas como a organizada por Opromar “seguirán a fortalecer os cimentos das estruturas das OPP e que as conclusións que se extraian serán de gran utilidade para todos os eslavóns da cadea mar-industria”.

A representante do Executivo galego asegurou que o traballo das OPP “permite afirmar con rotundidade que o sector pesqueiro galego faena nas augas da innovación e da competitividade” coa intención de contar cunha actividade pesqueira xestionada de forma sostible que garanta un futuro próspero para as comunidades pesqueiras galegas e as novas xeracións.