A Xunta aposta polas iniciativas de desenvolvemento local participativo destinando 20 millóns de euros nos orzamentos 2024

02 de Novembro de 2023

O conselleiro do Mar visitou ecocabañas cofinanciadas polos GALP en Pobra do Caramiñal

  • O conselleiro do Mar destacou que nas contas públicas autonómicas do vindeiro ano se incrementa un 67% o investimento destinado aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)
  • O GALP Ría de Arousa financiou 101 proxectos no período 2016-2022 dos cales 55 eran proxectos produtivos e 46 non produtivos por un importe total de 5 millóns de euros<
  • As Ecocabañas Rías Baixas contaron cunha achega de 200.000 euros e caracterízanse por unha arquitectura propia desenvolvendo un aloxamento integrado na contorna coa mínima agresividade estética e ambiental

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a aposta da Xunta de Galicia polas estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) incrementando ata os 20 millóns de euros á financiación no proxecto de orzamentos autonómicos do 2024 para o desenvolvemento de proxectos a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, fixo estas manifestacións durante a visita as Ecocabañas Rías Baixas, beneficiaria dunha achega de 200.000 euros do GALP Ría de Arousa e que serviu para financiar o 40% do proxecto.

O conselleiro puxo en valor o impacto dos proxectos postos en marcha dentro da EDLP durante a vixencia do Fondo europeo Marítimo e de Pesca (Femp) 2016-2022 na que se financiaron 703 proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros xerando en toda Galicia 4.500 postos de traballo directos e indirectos. Por iso defendeu a relevancia de incrementar nun 67% no vindeiro ano os recursos económicos adicados ao desenvolvemento destas iniciativas.

O titular de Mar puxo como exemplo do papel transformador destas achegas ás Ecocabañas Rías Baixas, que servirán como plataforma para a realización e a promoción de actuacións relacionadas co medio mariño e actividades de maridaxe dos produtos do mar con outros produtos da comarca. Tamén salientou os novos xeitos de construción ambientalmente sostibles como estratexia dos establecementos turísticos. De feito, esta infraestrutura está realizada ao 100% en madeira, utilizando madeira de cedro na estrutura e madeira de batea reciclada (tras 25 anos no mar) no revestimento exterior.

Nesta liña salientou a importancia de apostar por propostas que sexan sostibles medioambientalmente e que van acordes co turismo do futuro e que dan continuidade aos plantexamentos recollidos no Plan de Cultura Marítima de Galicia, un documento pioneiro en Europa e que serve como base para o desenvolvemento destas actividades nun espazo único como o de a costa galega que aportan un gran valor engadido.

GALP Ría de Arousa

O GALP Ría de Arousa leva financiadas no período 2016-2022 101 proxectos dos cales 55 foron produtivos e 46 non produtivos cun importe medio das achegas de preto de 50.000 euros, ascendo o total das axudas concedidas ata os 5 millóns de euros chegando a mobilizar a mesma cantidade en inversións privadas. As iniciativas desenvolvidas foron dedicadas na súa maioría á valorización dos produtos, á diversificación e ao patrimonio medio ambiental.

Bandera Unión Europea