A Xunta apoia con 700.000 € as accións formativas do sector do mar para mellorar a capacitación dos seus profesionais e impulsar a remuda xeracional

30 de Agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas destinadas a perfeccionar a formación dos traballadores marítimo-pesqueiros e a favorecer a incorporación de xente nova á actividade

  • Esta é a segunda convocatoria de achegas deste tipo, trala realizada en 2021 e que permitiu aprobar máis de 130 accións formativas de 16 entidades do sector cun investimento total de preto de 375.000 euros
  • Estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, favorecen que as asociacións do sector poidan adecuar as actividades formativas ás datas e horarios que mellor se axustan ao labor dos profesionais da súa área de influencia
  • Entre as actuacións subvencionables hai cursos relacionados coa seguridade marítima, a formación sanitaria, cursos de operador restrinxido do sistema mundial de socorro e seguridade marítima, patrón local de pesca, mariñeiro pescador ou contramestre

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia destina este ano máis de 700.000 euros a axudas para o sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de apoiar o desenvolvemento de accións que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro. Así o recolle a orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estas achegas, que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que é a segunda vez que se convocan, teñen como finalidade impulsar a competitividade do sector extractivo, mellorar as capacidades dos traballadores do mar para facilitar a súa aprendizaxe permanente, a súa integración en actividades complementarias da pesca e tamén favorecer a remuda xeracional. Deste xeito, os cursos deste tipo teñen como obxectivo impulsar o sector, xerar emprego e riqueza nas zonas costeiras e mellorar o conxunto da economía de Galicia.

Estes apoios están dirixidos ás confrarías de pescadores e as súas federacións, ás organizacións de produtores, ás cooperativas do mar, ás asociacións profesionais do sector e ás demais entidades constituídas por profesionais do sector que teñan sede social en Galicia e desenvolvan o seu labor na comunidade. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e prolongarase durante un mes, mentres que o orzamento se reparte entre as anualidades 2022 (257.000 euros) e 2023 (450.000 euros).

As accións subvencionables inclúen cursos de formación específica marítima e náutico-pesqueira para persoas vencelladas co sector, cursos de mariñeiro pescador, formación en materia de competencias dixitais, de innovación, xestión empresarial, emprendemento, comercialización e seguridade alimentaria, xestión sostible dos recursos e ecosistemas mariños, seguridade e hixiene no traballo, prevención de riscos laborais e enfermidades profesionais, entre outras. Tamén accións para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de transferencia tecnolóxica, seminarios, xornadas ou obradoiros en materia de pesca e marisqueo.

Convocatoria de 2021

A convocatoria deste ano dá continuidade á realizada en 2021, na que se aprobaron máis de 130 accións formativas promovidas por 16 entidades do sector marítimo-pesqueiro en distintos puntos do litoral galego cun investimento de preto de 375.000 euros.

Estas achegas favorecen unha mellor adaptación dos cursos ás necesidades dos seus destinatarios pois as confrarías ou entidades asociativas do sector -como promotores da formación- poden adecuar o desenvolvemento das actividades formativas ás datas e horarios que mellor se axusten ao labor dos profesionais da súa área de influencia.

Entre as actuacións aprobadas -algunhas xa desenvolvidas e outras aínda pendentes- hai cursos relacionados coa formación en seguridade marítima,  coa formación sanitaria, de operador restrixico do sistema mundial de socorro e seguridade marítima (SMSSM), de prevención de riscos no uso e condución de carretillas elevadoras e sobre grúas hidráulicas articuladas. Tamén se financiaron cursos de patrón local de pesca -de ponte común e máquinas-, de mariñeiro pescador e de contramestre. A eles engádense cursos de aproveitamento de algas, economía azul, relacionados con ferramentas dixitais e dixitalización da frota ou coa valorización do produto.

Entre as accións subvencionadas tamén se atopan obradoiros e xornadas relacionadas co coidado e prevención para os profesionais do sector pesqueiro, de prevención de riscos laborais no escenario da covid-19, de manipulador de alimentos e simulacros de emerxencias marítimas, entre outros. Tamén formación de actualización relacionada coas embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos, coa formación en seguridade marítima, coa formación sanitaria específica, de operador restrinxido do sistema mundial de socorro e seguridade marítima e sobre a loita contra incendios.

Bandera Unión Europea