A Xunta apoia con 21 millóns de euros preto de 60 proxectos para a mellora das instalacións das pemes de transformación dos produtos do mar

29 de Xullo de 2021

O Executivo galego subvenciona ata o 50% das actuacións impulsadas polas empresas do sector entre este ano e o próximo e que suman un investimento total de máis de 45 millóns de euros

  • O Executivo galego subvenciona ata o 50% das actuacións impulsadas polas empresas do sector entre este ano e o próximo e que suman un investimento total de máis de 45 millóns de euros
  • O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria deste ano destas achegas, a maior en canto a número de proxectos aprobados e de axuda concedida desde que comezaron a outorgarse en 2016
  • O obxectivo destes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, é que o sector poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade
  • Entre as axudas aprobadas polo Goberno galego destaca unha para a empresa Auxiliar Conservera SA por importe de 4,7 millóns de euros para a modernización das instalacións que ten en Redondela, nas que investirá preto de 10 millóns de euros

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria deste ano de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura no que se inclúe a aprobación de 57 proxectos impulsados polo sector por un importe de preto de 21 millóns de euros a distribuír entre as anualidades 2021 e 2022. Con estas achegas a Xunta aporta o 50% do importe subvencionable de cada un deles, polo que o investimento total para acometer melloras nas instalacións destas empresas supera os 45 millóns de euros.

Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, véñense convocando desde 2016 e esta é a convocatoria con maior número de proxectos aprobados e con máis importe de crédito concedido. Entre as accións que son obxecto de apoio con estas achegas está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.

O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.

Proxecto destacado
Entre os 57 proxectos aprobados na convocatoria deste ano destaca un promovido pola empresas Auxiliar Conservera SA que conta cunha axuda por importe de 4,7 millóns de euros para un investimento total de preto de 9,6 millóns de euros. A achega, que foi aprobada hoxe no Consello da Xunta, contribuirá a realizar melloras nas instalacións que a firma ten en Redondela coa finalidade de modernizala desde o punto de vista tecnolóxico.

As actuacións previstas na planta buscan mellorar a súa fiabilidade e rendemento, incrementar o valor engadido dos produtos do mar transformados que elabora e avanzar no uso de métodos sostibles de produción velando pola protección do medio ambiente. Ao mesmo tempo, pretende optimizar o aproveitamento e transformación dos subprodutos da pesca para a produción de alimentos destinados ao consumo animal.

Incluíndo os proxectos aprobados nesta convocatoria, desde 2016 beneficiáronse destas axudas máis de 280 iniciativas de empresas de transformación de produtos do mar por valor de preto de 80 millóns de euros. O investimento global, contando tamén os 45 millóns previstos nos proxectos deste ano, rolda os 180 millóns de euros no conxunto das seis convocatorias realizadas ata o momento.

Bandera Unión Europea