A Xunta apoia a actividade do sector da transformación de produtos do mar con máis de 26 millóns de euros

14 de Xullo de 2021

A conselleira do Mar participou na presentación da X Conferencia Mundial do Atún organizada pola patronal conserveira Anfaco-Cecopesca

Consellería do Mar
  • Máis de 22,4 millóns de euros correspóndense coa convocatoria deste ano de axudas para melloras nas pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar trala ampliación do crédito inicial en máis de 6,4 millóns de euros para poder atender todas as solicitudes presentadas que cumpren os requisitos
  • Outros 4 millóns de euros son dos apoios para compensar a caída de ingresos nas empresas de transformación de peixes e mariscos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus e que están en prazo de presentación de solicitudes
  • Rosa Quintana sinalou que a Conferencia Mundial do Atún que se celebrará en setembro é unha grande oportunidade para defender os intereses da industria galega que teñen a súa base en competir en igualdade de condicións e cos mesmos estándares en aspectos como a trazabilidade, a hixiene e as condicións laborais

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o potencial da industria galega de transformación de produtos do mar e o seu importante papel durante os momentos máis difíciles da pandemia nos que respondeu con esforzo e compromiso para manter o seu nivel de actividade e seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía. Un labor, subliñou a conselleira, do que o Executivo galego é consciente e que compensa cos apoios destinados a este sector que nas convocatorias de axudas deste ano se traducen en máis de 26 millóns de euros.
Así o sinalou durante a presentación da X Conferencia Mundial do Atún que se celebrará o 13 e 14 de setembro tanto en modalidade presencial en Vigo como de xeito virtual e que organiza a patronal conserveira Anfaco-Cecopesca . Alí tamén explicou que dos máis de 26 millóns de euros de achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), máis de 22,4 millóns de euros se corresponden coa convocatoria deste ano de axudas para melloras nas pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar.

A esta convocatoria a Xunta destinara un crédito inicial de 16 millóns de euros e en próximos días o Diario Oficial de Galicia publicará o incremento de crédito en máis de 6,4 millóns de euros para poder atender todas as solicitudes presentadas que cumpren os requisitos, explicou Rosa Quintana.

Outros 4 millóns de euros correspóndense cos apoios que forman parte do plan Avantemar para compensar a caída de ingresos nas empresas de transformación de peixes e mariscos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus. Para estas achegas está aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 28 de xullo e con elas a Xunta subvencionará ata o 50% das perdas de facturación rexistradas sempre e cando estas sexan de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-. No caso de empresas con menos de tres anos estas deberán ter actividade durante polo menos o ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes.

Con este tipo de apoios, especificou a titular de Mar, a Xunta busca seguir impulsando o potencial e a vocación innovadora do sector transformador como o das conservas de produtos do mar. Unha industria, subliñou, que soubo adaptarse ás necesidades xurdidas na sociedade durante a pandemia da covid-19 e aproveitar a situación para facer oportunidade da dificultade intensificando a busca de novos nichos de negocio e potenciando as vendas en liña, entre outros aspectos.

Conferencia Mundial do Atún
En relación á Conferencia Mundial do Atún, Rosa Quintana salientou o valor desta plataforma que sitúa a Galicia, e a Vigo en particular, como epicentro do sector internacional do atún pois reunirá ás empresas máis relevantes neste eido e radicadas en diferentes países de Europa, América, Oriente Medio, África e Asia. Ademais sinalou que este evento funciona como escaparate do saber facer de Galicia neste ámbito e como foro de debate sobre os últimos desenvolvementos do sector atuneiro a nivel global.

Isto converte a esta conferencia, engadiu a titular de Mar, nunha grande oportunidade para defender ante o mundo os intereses da industria galega que teñen a súa base en que toda as empresas compitan en igualdade de condicións e cos mesmos estándares en aspectos como a trazabilidade, a hixiene e as condicións laborais.

Por último, Rosa Quintana tasladou o agradecemento do Goberno galego a Anfaco-Cecopesca polos seus esforzos para adaptar este evento ás circunstancias e por seguir facéndoo posible. Tamén agradeceu a colaboración dos patrocinadores e entidades do sector que axudan a que esta conferencia siga sendo unha realidade.