A Xunta apoia a actividade da organización de produtores pesqueiros do Porto de Celeiro cunha achega de 619.000 euros

27 de Decembro de 2018
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse con directivos da OPP-77 ao obxecto de avaliar as liñas de colaboración en marcha
A Xunta apoia a actividade da organización de produtores pesqueiros do Porto de Celeiro cunha achega de 619.000 euros
  • A achega servirá para axudar cos gastos propios da constitución da entidade e para o desenvolvemento do plan de produción e comercialización

A Consellería do Mar vén de conceder unha achega que supera os 619.000 euros para apoiar a actividade que desenvolve a organización de produtores pesqueiros OPP-77 Porto de Celeiro. Así o explicou esta tarde, en rolda de prensa, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo Fernández, e dos representantes desta organización de produtores, José Novo, Eduardo Miguez e Jesús Lourido.

A Administración autonómica mantén distintas liñas de colaboración co sector pesqueiro da Mariña lucense e, en particular, con este colectivo, que agrupa aos produtores vinculados á organización empresarial e pesqueira con sede en Celeiro.

As achegas da Xunta distribúense en dous conceptos: 400.000 euros destinados aos gastos de constitución e funcionamento da entidade e 219.000 euros adicionais para desenvolver o plan de produción e comercialización. Todas estas axudas enmárcanse no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

“O compromiso da Administración autonómica coas organizacións de produtores é palpable pois desempeñan un papel fundamental, ao servizo da pesca e da alimentación, e tamén como motores da innovación e impulsores da cadea mar-industria”, dixo Balseiro.

Entre as accións máis destacadas dentro da posta en valor dos produtos pesqueiros que comercializa Porto de Celeiro e que son capturados pola súa flota, ten especial relevancia a promoción da pescada do pincho, de extraordinaria calidade e recoñecemento entre os consumidores. Así, por exemplo, o seu traballo foi clave para obter a certificación da ONG Friends of the Sea que ampara estas valiosas capturas ou o selo Galicia Calidade.

“Traballos como os da OPP-77 e outras organizacións análogas como a que opera desde Burela permite afirmar con rotundidade que o sector pesqueiro lucense, e o galego por extensión, faena nas augas da innovación e da competitividade, liderando en moitos aspectos os esforzos que nestes mesmos ámbitos se están a facer no sector pesqueiro galego”, resaltou Balseiro.

A Xunta formaliza estes apoios consciente de que é necesario contribuír as actividades das organizacións de produtores, achegando a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un labor máis importante na xestión cotiá da pesca, e moi en particular, os criterios marcados pola política pesqueira común (PPC): posibilidades pesqueiras sustentables, redución das capturas non desexadas, mellora da trazabilidade dos produtos da pesca, entre outras.