A Xunta apoia 74 proxectos de melloras en buques pesqueiros para impulsar unha pesca sustentable

09 de Setembro de 2021

O Executivo galego destina 900.000 euros en achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a distintas actuacións para optimizar o labor das embarcacións pesqueiras con porto base na Comunidade que mobilizarán case dous millóns de euros de investimento

Consellería do Mar
  • As melloras afectan a un total de 71 pesqueiros e a maioría teñen como obxectivo mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo a bordo, o que contribuirá a facilitar a actividade dos profesionais embarcados
  • As accións aprobadas tamén inclúen 155.000 euros de apoio para limitar o impacto no medio mariño mediante medidas como a adquisición de equipamentos informáticos que permitan aumentar a selectividade da pesca e reducir os descartes
  • Desde 2016 apoiáronse 238 proxectos deste tipo por un importe global de 3,4 millóns de euros e a convocatoria deste ano é a que rexistrou o maior número de solicitudes aceptadas e o importe concedido máis alto

A Consellería do Mar aprobou na convocatoria deste ano 74 solicitudes de axudas de propietarios de buques pesqueiros galegos para realizar melloras que fomenten unha pesca sustentable que derivarán nun investimento total de preto de dous millóns de euros na frota da Comunidade. Estas actuacións, ás cales o Executivo galego destina 900.000 euros de axuda cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo a da Pesca (FEMP), permitirán introducir melloras que limitan o impacto da pesca no medio mariño, inciden na hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo a bordo, optimizan a eficiencia enerxética e mitigan o cambio climático, implican a substitución de motores e incrementan o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas.

A resolución destas axudas, destinadas aos propietarios de buques pesqueiros con porto base en Galicia, foi analizada hoxe polo Consello da Xunta a través dun informe que mostra que 51 deses proxectos teñen como obxectivo o desenvolvemento de actuacións para mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo a bordo por un importe de achega de máis de 636.000 euros. Estas accións contribuirán a facilitar o labor das tripulacións dos buques beneficiados.

Os apoios aprobados tamén inclúen proxectos para limitar o impacto da pesca no medio mariño por importe de preto de 155.000 euros mediante accións como a adquisición de equipos informáticos que contribuirán a aumentar a selectividade dos buques e a reducir os descartes e as capturas non desexadas.

Outra das liñas de actuacións subvencionables é a daquelas que permitan incrementar o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas. Os proxectos centrados neste obxectivo suman unha axuda global de preto de 50.000 euros e inclúen accións de mellora dos equipamentos de refrixerado a bordo, así como dos distintos sistemas de almacenaxe das capturas.

Os proxectos para a mellora da eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático suman preto de 28.000 euros de axuda mediante a instalación de hélices máis eficientes ou outros elementos de pesca máis avanzados que contribúen a optimizar a eficiencia enerxética. A estas medidas engádense as substitucións de motores, das que nesta convocatoria se aprobaron catro proxectos por importe de arredor de 7.500 euros.

As melloras previstas benefician a un total de 71 pesqueiros -algúns deles con máis dun proxecto- pertencentes a practicamente todos os segmentos de frota. Entre eles hai unidades tanto do caladoiro nacional como de pesqueiras comunitarias e internacionais e que faenan con distintas modalidades de pesca como artes menores, cerco, palangre de fondo e de superficie, arrastre de fondo e volantas.

A convocatoria destas axudas ao abeiro do FEMP permitiu aprobar desde 2016 un total de 238 proxectos -incluídos os de 2021- por un importe global de axuda de máis de 3,4 millóns de euros. Trátase duns apoios que cada ano son máis demandados polo sector pesqueiro galego, o que levou a que este ano sexa o que rexistrou o maior número de solicitudes aprobadas e tamén o maior importe concedido.

Bandera Unión Europea